Rubén Bastón achega este martes no CDTIC as claves básicas da mercadotecnia electrónica

luns, 2 de xuño do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), acollerá este martes o seminario Marketing Electrónico, a impartir en horario de 16.00 a 20.00 horas e incluíndo nos seus contidos cuestións como posicionamento axeitado en buscadores, mercadotecnia aplicada aos correos electrónicos, novos formatos de publicidade display ou as tendencias de vangarda en analítica web. O obxectivo é conseguir que os participantes adquiran os coñecementos precisos para ser quen de levar a cabo unha estratexia eficaz de promoción empresarial dixital.
O encargado de impartir o seminario será Rubén Bastón, da empresa galega Elogia, especializada en servizos de marketing en liña para comercio electrónico e líder deste ámbito a nivel galego e estatal. Lembrar que Bastón é o responsábel de mercadotecnia e comunicación en Elogia e a maiores ten unha longa experiencia como relator e profesor nas materias máis ligadas ás redes sociais e ás diferentes feituras que asume a promoción e a publicidade nos novos medios. Esta actividade formativa, informa AMTEGA, está especialmente deseñada para PEME e traballadores autónomos de todos os sectores, así como asociacións e clústeres empresariais.

PUBLICIDADE