Rosalía é Mundial bota man da Rede para traducir a máis dunha ducia de linguas os poemas da nosa escritora

luns, 22 de abril do 2013 Redacción

Traspasar fronteiras espazo-temporais, superar barreiras lingüísticas e, sobre todo, dar a coñecer a unha das poetisas de máis importancia na nosa terra son as bases sobre as que xurdiu o proxecto Rosalía é Mundial, que se apoia na Rede para facer comunidade de colaboradores e traducir e descargar textos. Trátase dunha idea da Universidade de Vigo e da Fundación Rosalía de Castro, coa que se quere traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas de máis sona de Cantares Gallegos, estamos a referirnos a: Airiños, airiños, aires e Adiós ríos, adiós fontes. Cómpre dicir que neste proxecto están a colaborar arredor de 40 tradutores de todo o mundo que xa traduciron a 14 idiomas estes poemas.
Alemán, catalán, checo, euskera, grego, inglés, italiano, polaco, romanés, sueco, ucraíno... son algunhas das linguas nas que xa se poden ler os escritos da poetisa; emporiso preténdese aumentar a listaxe de idiomas empregados para a tradución destes dous poemas até finais de xullo, mes no que este proxecto chegará ao seu fin. En canto á vertente difusora na Rede, este traballo verase reflectido no espazo web Planeta Rosalía, dende o cal se poderá colaborar coa iniciativa, traducir algún poema ou descargalo en pdf. Engadir que, de cara a un meirande espallamento pola internet, todos os centros de ensino, bibliotecas, universidades, asociación culturais... interesados poderán descargar en formato para impresión os oito primeiros versos dos dous poemas, xunto con algunhas das estrofas máis senlleiras doutras creacións de Rosalía. Segundo apunta Xosé Henrique Costas - vicerreitor de Extensión Universitaria e responsable do proxecto- o obxectivo é que estes poemas queden como pósters para que se descarguen, se impriman ou se poidan mesmo levar a imprentas para edicións concretas... Asemade, na presentación desta proposta-homenaxe a Rosalía e aos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos celebrouse tamén a mesa redonda Palabra, música e poesía, na que participaron as poetas Elvira Riveiro e Iolanda Castaño, así como o cantautor O Leo e Arremecághona.

PUBLICIDADE