Ribeira presenta a súa programación TIC para Nadal: unha videconferencia con Papá Noel e dous cursos para a rapazada

mércores, 4 de decembro do 2019 Ana Rial

A programación informática de Nadal do Concello de Ribeira regresa por estas datas e, como novidade, este ano a aula CeMIT brindará a posibilidade a 80 nenos e nenas ribeirenses pertencentes a dous centros educativos do municipio de falar por videoconferencia con Papá Noel, que os atenderá desde Laponia unha semana antes da súa visita na Noiteboa. A actividade, que está promovida desde a Xunta de Galicia, terá lugar na mañá do 16 de decembro, agardando desde a Concellería de Innovación Tecnolóxica estendela a outros nenos e nenas e a outros colexios en futuras edicións.
Así o explicou a concelleira Ana Barreiro nun acto no que deu a coñecer tamén a organización dos dous cursos gratuítos que se celebrarán nas vacacións e que están orientados á rapazada do municipio no marco do Nadal Informático.
Concretamente, do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, en horario de 10.00 a 11.30 horas, desenvolverase o curso Iníciate na informática, dirixido a cativos con idades comprendidas entre os 7 e 10 anos, onde aprenderán a navegar por Internet, facer debuxos ou animar fotografías, entre outros contidos.
Tamén do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, pero desde as 12.00 ata as 13.30 horas, terá lugar un segundo curso denominado Retoca as túas fotos, esta vez destinado a alumnado de 11 a 14 anos.
En ambos casos, as inscricións pódense formalizar a partir do 16 de decembro na Aula CeMIT ou a través da web.
Ao finalizar cada acción formativa entregase un diploma aos participantes e un pequeno agasallo sorpresa.

PUBLICIDADE