Recta final para participarmos no quinto Concurso Escolar do Día da Muller e a Nena na Ciencia

martes, 19 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

O prazo para apuntarse ao V Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia remata mañá, 20 de xaneiro. A iniciativa está promovida pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, e conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
Os obxectivos deste concurso son promover o coñecemento do papel que teñen as mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia.
Poderán participar no certame o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado nun centro educativo da provincia de Ourense. O concurso conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO. Tamén con dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores…) e recursos como o vídeo ou a fotografía para crear as obras. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a ordenador e que se enviarán en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de arredor de 900 palabras. Todas as obras deberán ser inéditas e orixinais. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía ou narrativa e o tema dos mesmos deberá estar relacionado co papel das mulleres na ciencia.
No referente á modalidade visual os criterios de avaliación dependerán da calidade técnica, a orixinalidade e a creatividade. Mentres, na modalidade literaria valorarase o estilo, a capacidade de razoamento e a orixinalidade. En ambas terase en conta o tratamento da temática do concurso.
A entrega de premios realizarase na primeira quincena de febreiro, coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades.

PUBLICIDADE