RTVE aposta por formar aos seus traballadores en software libre
xoves, 1 de outubro do 2015
Axustar o gasto dunha
corporación pasa, case de xeito obrigado, por apostar polo software
libre (entre outras cousas). O motivo: programas e ferramentas en
xeral máis accesibles (algunhas de balde, outros non
necesariamente), supresión do pago de licenzas e de renovación das
mesmas e, en xeral, máis marxe de manobra para afacer recursos ás
necesidades específicas da corporación. Así o entende RTVE (Radio
Televisión de España), que “no marco da súa política de
racionalización do gasto”, anunciou que vai formar aos seus
empregados en diferentes aplicacións de software libre orientadas ó
tratamento gráfico de imaxes e deseño 3D.
Segundo
explica a corporación nun comunicado oficial e reflicten canles
galegas centradas no código aberto como Mancomún,
a medida tamén se insire na estratexia de RTVE por “seguir na
vangarda tecnolóxica e pola innovación”, e forma parte do seu
plan de aforro e eficiencia. O resultado é a introdución no seu seo
de ferramentas informáticas de software libre “como alternativa
para aplicacións privativas con altos custos de licenzas”. O tipo
de aplicacións open source que están a implantar están
orientadas ao manexo de documentos en PDF, creación gráfica e 3D e
tratamento dixital de imaxes. Co obxectivo de que se lles tire o
máximo partido a estas tecnoloxías libres, RTVE a través do seu
instituto de formación e a súa aula virtual (apoiada na plataforma
aberta Moodle), abriu unha convocatoria de cursos específicos: o
primeiro destinado á creación e tratamento dixital de imaxes e
orientado a crear e modificar as mesmas para ser empregadas en
documentos audiovisuais e gráficos; e o segundo centrado no deseño
gráfico e modelado en tres dimensións
Trátase de dous cursos
teórico-prácticos en liña a desenvolver a través da plataforma
Moodle do Instituto RTVE (aprendizaxe a distancia baseado en software
libre) que facilita o acceso a materiais, avaliacións e exercicios
prácticos.
