R renova o seu patrocinio co Deportivo de LaLiga Genuine

venres, 5 de marzo do 2021 Redacción

A operadora de telecomunicacións R renovou o seu patrocinio co Deportivo de LaLiga Genuine. O presidente do club, Antonio Couceiro, e máis o director Corporativo Empresas da cableira galega, Isidro Fernández de la Calle, anunciaron este xoves o acordo nas bancadas do Estadio Abanca-Riazor, acompañados polo equipo.
Trátase da terceira tempada consecutiva que se formaliza o patrocinio do Deportivo de LaLiga Genuine, equipo do club coruñés no que xogan persoas do colectivo DI (con discapacidade intelectual). A marca R estará presente nunha chea de ámbitos, incluído o equipamento dos xogadores e o vídeo-marcador da Cidade Deportiva de Abegondo. Tamén figurará a marca de R na web do Deportivo.
Como dixemos, co devandito acordo, o operador galego convértese durante a tempada 2020-21 (coma fixera nas dúas anteriores, 2018-19 e 2019-20) en patrocinador deste conxunto do Deportivo que xoga na competición de equipos do colectivo DI organizada por LaLiga.
O Presidente do club coruñés, Antonio Couceiro salientou que “novamente, como os demais patrocinadores principais do Club, unha marca de gran prestixio da nosa comunidade e pertencente a un gran grupo a nivel nacional, continúa vencellada ao Dépor, apoiando nestes momentos tan complicados para todos. Ademais, faino a través dun dos proxectos máis fermosos da Fundación Real Club Deportivo, un orgullo para todos os que formamos a gran familia do deportivismo”.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle expresou a súa satisfacción polo feito de que “R sexa a marca elixida outra vez polo club coruñés para patrocinar o Deportivo de LaLiga Genuine”. Este acordo -engadiu- “resume perfectamente a nosa aposta compartida polo deporte, pola integración social e por valores tan importantes coma a deportividade. Algo do que, sen dúbida, saben moito os xogadores e xogadoras deste conxunto”.

PUBLICIDADE