R estrea servizo de televisión en alta definición

luns, 11 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos anos normalizouse a presenza de televisores de alta definición nos fogares, en boa medida grazas á chegada da TDT, pero no que a contidos se refire a calidade de imaxe continúa a estar moi lonxe do desexado, e para poder gozar de alta definición real había que recorrer a películas en Blu-ray e videoxogos, chegando estes días unha nova opción de especial interese para os galegos: o operador de telecomunicacións R estrea o seu servizo de televisión de alta definición.
Os clientes de R xa poden solicitar a alta definición para que a finais de mes instalen no seu fogar o novo descodificador HD, pondo así fin a un proceso que durou uns 22 meses, no que dende o operador galego desenvolveron un novo servizo que quere destacar pola súa calidade, ofrecendo un sinal con ata 4 veces máis calidade que o que ofrecen as plataformas HD baseadas en TDT ou satélite, con calidades que chegan aos 20 Mbps. Para facernos unha idea do que supón tal bitrate, canles como Antena 3 HD, Telecinco HD ou LaSexta HD están no rango dos 4-5 Mbps, mentres que a canle en probas de TVE está nos 7 Mbps (é cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles) polo que un maior largo de banda permitirá unha mellor compresión e poder ter alta definición real (1.920 x 1.080 píxeles).
Polo momento as canles que estarán dispoñibles en alta definición serán FOX, AXN, Calle 13, Syfy, Canal Hollywood, MGM, Sundance Channel, National Geographic, Net Geo Wild, Canal+ Liga (de pagamento) e TVE HD, Antena 3, Cuatro, Telecinco e LaSexta (xeralistas). Máis adiante irán incorproando outras canles como TNT, Cosmo, ASN White, Fox Crime, Viajar... ofrecendo unha grella moi completa que permitirá que os televisores de grande tamaño que ocupan moitos salóns non se vexan infrautilizados ante o sinal que habitualmente recibimos a través das emisións terrestres.
Coa televisión en alta definición chega tamén unha nova guía da programación e un novo mando a distancia, que só serán as primeiras de moitas novidades, pois xa están a preparar a posibilidade de empregar o descodificador de alta definición como gravador de vídeo persoal (conta con portos USB para reproducir contidos dende unidades de almacenamento externas) e outras prestacións que irán chegando pouco a pouco ao servizo puraHD de R.

PUBLICIDADE