R asesora ás empresas galegas para que aproveiten o Kit Dixital

luns, 4 de abril do 2022 S. P.

Dende mañá, martes 5 de abril, e deica o xoves 7 dá comezo a segunda edición tripla do webinario sobre o Kit Dixital que R e algúns dos seus socios tecnolóxicos levarán a cabo para explicarlles aos participantes, especialmente PEME de 10 a 49 empregados, de que xeito R xestiona xa de balde o bono de moitas empresas (representante voluntario) e como pode axudalas a atopar a solución dixital máis axeitada en función dos seus respectivos perfís e da situación de cada un dos negocios.
A operadora galega segue a traballar para que as PEME da comunidade lles tiren todo o partido ás axudas dos fondos Next Generation a través do devandito programa do Goberno de España Kit Dixital. R xa é axente dixitalizador, tras ser elixido oficialmente como tal o mes pasado en todas as categorías recollidas para exercer ese papel asesor e xestor do proceso de dixitalización das empresas en Galicia. As áreas nas que R está autorizada como axente son: as de sitio web e comercio electrónico, páxina web, xestión de redes, Intelixencia de clientes e analíticas, xestión de clientes e de procesos, factura electrónica, oficina virtual, ciberseguridade e comunicacións seguras.
Co título de: Soluciones digitales: ¿y ahora qué?, desenvolveranse as tres xornadas das charlas explicativas en liña nas que van participar os socios tecnolóxicos de R que explicarán aos/ás asistentes as solucións dixitais máis axeitadas ao seu alcance para, unha vez solicitadas e concedidas as axudas do bono, decidir en que investilas.
Tratarase de sesións dunha hora que terán lugar mañá martes, día 5, o mércores 6 e o xoves 7 de abril, ás 9:30h en formato virtual. Para apuntarse tan só é preciso premer a ligazón específica habilitada e cumprimentar a inscrición.

PUBLICIDADE