R acada unha cobertura na nosa terra do 80%

mércores, 10 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

A empresa telefónica R mellora a cobertura dos seus servizos no territorio galego até chegar a unha taxa do 80%, intensificando os traballos de mellora e subministro da súa rede de fibra óptica durante os últimos meses, tras a alta demandada dos cidadáns, empresas e concellos. Ao mesmo tempo, completou os accesos directos á súa rede de última xeración, con acordos para compartir infraestruturas con outros provedores.
Así, un total de 1.200.000 fogares e negocios da comunidade galega poden gozar dos servizos avanzados de R a través de fibra óptica. Desa cifra, 1.010.000 residencias particulares e empresas de 143 localidades galegas están conectadas directamente á rede de R. Ao remate de 2021, a empresa sumará arredor de 30.000 inmobles máis, froito dos traballos do Plan Avanza e doutros fornecementos.
R lembra que “é pioneira en Galicia no despregamento de fibra óptica” e desenvolve dende hai máis de dúas décadas “traballos de obra civil e canalización para achegar os seus servizos avanzados de telecomunicacións ao maior número de persoas e empresas galegas”. Desta forma, no último ano incorporáronse á rede da operadora 133 novos concellos que tiñan limitacións importantes de conectividade con fibra. Actualmente pódese falar de 275 concellos, arredor dun 88 % dos 313 que conforman Galicia, que dispoñen dos servizos de última xeración de R.
En 2018, a empresa resultou adxudicataria para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento, as chamadas zonas brancas. Así, 32.000 novos fogares e negocios quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando finalicen as actuacións adxudicadas ao operador galego polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
A maiores, destacan as tarefas de extensión de redes avanzadas que R desenvolveu dende 2016 en virtude doutro concurso do Plan PEBA do Ministerio, co fin de achegar a tecnoloxía FTTH a diferentes zonas brancas da xeografía galega, sobre todo, para conectar ás redes de nova xeración nos negocios, cuxos servizos están en fase de comercialización.
Cando pechen os dous plans, a finais de 2021, preto de 65.000 novas residencias particulares e empresas van quedar preparadas para recibir os servizos avanzados de R. De feito, soamente no marco do Plan Avanza, a empresa chegou por vez primeira coas súas redes de nova xeración nos últimos 3 anos a núcleos galegos como Tomiño, O Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Muxía, Moraña, Guitiriz, Abegondo, Ribadumia, Combarro e Ponte Caldelas.
Mentres, a expansión de R continúa consolidándose a través da súa cobertura de rede fixa e móbil naquelas zonas que ata o momento non dispoñían de acceso aos seus produtos avanzados de telecomunicacións. A oferta máis común que a empresa telefónica ofrece é de ata 500 megas, televisión dixital multicanle, deco Android 4k, Netflix e o servizo rebobina, ademais dun móbil R de última xeración .

PUBLICIDADE