R, a UDC e a UVigo xuntan forzas para crear unha cátedra en ciberseguridade
martes, 18 de decembro do 2018
Un
escenario de investigación e divulgación dende onde dar relevantes
pasos en materia de protección en liña. Este
sería un dos obxectivos da iniciativa conxunta presentada hoxe pola
operadora galega R e máis as universidades de Coruña e Vigo: a
Cátedra R en Ciberseguridade. O proxecto, que foi dado a coñecer
polos reitores Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo), e por
Alfredo Ramos, director xeral de R, basea boa parte do seu fundamento
en tres razóns de peso: temos unha puxante comunidade de
investigadores universitarios que son expertos en metodoloxías para
facer máis seguras as comunicacións, temos unha compañía que é
referente en comunicacións de vangarda (R) e, en terceiro lugar,
temos un ámbito, o da ciberseguridade, que é unha gran porta da
entrada profesional para os nosos estudantes.
A
cátedra, que sería a primeira interuniversitaria existente en
Galicia quere promover “o desenvolvemento das competencias
profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e
ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da
comunidade universitaria e doutros profesionais”. Nun plano máis
concreto, Abalde, Reigosa e Ramos lembraron que o seu fin último é
“adaptar ese coñecemento ás necesidades das empresas, fomentando
a formación continua, a innovación e a investigación na área da
ciberseguridade”.
O
reitor da Universidade da Coruña resaltou a importancia da
protección das tecnoloxías e as comunicacións na sociedade actual
e futura.: “A conectividade a través de Internet e a utilización
das redes sociais fai que sexa máis necesario que nunca dispor de
coñecemento e recursos humanos que permitan facer fronte aos
problemas que a nova situación provoca”.
Pola
súa banda o reitor da Universidade de Vigo salientou que “para a
nosa institución, que leva anos traballando no ámbito da
ciberseguridade, é moi importante participar nesta Cátedra, que
ademais reforza a nosa colaboración coa Universidade da Coruña, coa
que compartimos docencia e investigación neste mestrado”. Reigosa
tamén puxo o foco no “aumento de ciberataques” destes últimos
tempos, e de como este fenómeno “precisa da incorporación de
profesionais expertos en protección”.
Alfredo
Ramos fixo fincapé na relevancia do acordo entre as tres partes, que
“marca un antes e un despois na relación entre os centros
universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abre un
vieiro que propiciará a aplicación práctica na sociedade de todo o
coñecemento sobre seguridade informática”.
A
Cátedra, segundo fixeron saber, vai ter unha manchea de liñas de
actuación, entre as que cómpre destacar as que citamos deseguido:
·
Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario
en Ciberseguridade)
·
Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as
dúas Universidades)
·
Creación de espazos para a difusión e o debate sobre
ciberseguridade
·
Capacitación en competencias relacionadas coa protección en liña
tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en
conta as necesidades competitivas das empresas.
Amais,
no eido da formación e a difusión está programado cooperar en
mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación
permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios
a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de
ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas
curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de
formación de empresas e institucións, formación para a creación
de empresas de base tecnolóxica...etc.
Por
outra banda, no plano da I+D, impulsaranse liñas conxuntas de
traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, estatal e
europeo; apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao,
promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas
áreas de interese da ciberseguridade, ademais de empurrar a
contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para
accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.
A
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e
máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán
a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver
todas estas actividades. Unha comisión de seguimento encargarase de
supervisar as accións derivadas do convenio.
