PuntoGal suma e segue: máis de 1.700 sinaturas particulares e o apoio de Política Lingüística
mércores, 31 de xaneiro do 2007
A Asociación PuntoGal segue adiante e con forza. Por unha banda, vén de recibir o “pleno apoio” da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se comprometeu a axudar á plataforma no seu interese por facer chegar as súas propostas ós centros de estudos galegos do exterior dependentes do departamento. Para Política Lingüística, “a existencia deste dominio servirá para darlle maior visibilidade na Internet á existencia da nosa lingua e a nosa cultura”. Por outra banda, cómpre lembrar que a asociación (que ten o obxectivo de solicitar un dominio propio para a lingua e a cultura de Galiza, o “.gal”) continúa a recadar na Internet sinaturas a título individual. Esta iniciativa concreta de achegas particulares, que foi posta en marcha pola plataforma hai case dúas semanas, xa pasou (a día de hoxe mércores 31) a liña das 1.795 contribucións.
Segundo se indica na web de PuntoGal, “colectivos, asociacións culturais, empresas, institucións e centos e centos de persoas levan apoiando a iniciativa que defendemos, e o ritmo de chegada de sinaturas non frea”. O obxectivo da plataforma é presentar a solicitude en Lisboa (no mes de marzo) perante o ICANN (Internet Corporation for Asigned Names and Numbers), que é o órgano encargado asignar os nomes de dominio e os códigos dos países, entre outras funcións.
