Presenza galega en Series Mania, o gran festival europeo dos contidos de ficción

luns, 25 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O festival Series Mania, que xunta no Grand Palais de Lille (Francia) o mellor da produción europea e mundial de contidos para a TV e as novas plataformas audiovisuais, vai contar nesta edición (que abriu as súas portas e mantenas abertas até o domingo 30) cunha sobranceira presenza galega. Máis polo miúdo, a das empresas CTV, Ficción Producciones, Intereuropa e Portocabo. Trátase das catro integrantes da delegación na nosa terra que impulsou o Cluster Audiovisual Galego.
As empresas presentarán no festival novos proxectos e celebrarán xuntanzas para posíbeis co-producións, amais de achegar a súa contribución aos debates sobre o estado do sector. Debates que xirarán en boa medida arredor das posibilidades das TIC para atopar novos e interesantes xeitos de enriquecer as experiencias dos espectadores.
O Clúster Audiovisual tamén lembra que Hierro, serie producida pola socia Portocabo, Movistar+, ARTE e Atlantique Productions, terá a súa estrea internacional en Series Mania 2019.
Segundo informa o CLAG, Series Mania é unha das citas principais da industria para a busca de coprodución para as series de televisión de Europa. Haberá conferencias, sesións de pitching de proxectos e screenings, amais dun bo número de sesións de networking e o que é, en palabras do clúster, un dos foros de coprodución máis importantes do panorama audiovisual europeo: European TV Series Coproduction Forum.
En 2018 participaron na xuntanza máis de 2.000 profesionais, entre produtores, canles de TV e creadores. Na presente edición, as conferencias tratarán sobre temas como as tecnoloxías de cadea de bloques (as tecnoloxías blockchain, moi acaidas para subir novos chanzos en materia de seguridade da información, neste caso dos contidos que se poñen en liña), sobre música electrónica, sobre o marco legal europeo, sobre contidos inmersivos, sobre Realidade Virtual, sobre o potencial das obras literarias para dar forma a novas series, etc.

PUBLICIDADE