Preséntase en FITUR unha aplicación que nos achega a todo o rico patrimonio arquitectónico que perdeu Vigo

xoves, 23 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

FITUR foi e segue a ser unha boa oportunidade para presentarmos tecnoloxías ligadas ao turismo. O salón madrileño que xunta baixo un mesmo teito aos sectores hostaleiro, das viaxes e das TIC, acolle estes días a presentación dunha aplicación móbil con orixe en Vigo, a aplicación Arquitectura perdida. Trátase, máis polo miúdo, dunha ferramenta dispoñíbel para os sistemas iPhone e Android e que ten ás súas costas, como contan os seus creadores, “un longo historial de éxitos”. A primeira peza foi un vídeo que arestora está a piques de acadar as 100.000 visitas. A continuación os responsábeis do proxecto lanzaron un libro que “é líder de vendas en Galicia”.
Esta iniciativa a todas luces transmedia (unha nova tendencia creativa que se materializa en diferentes formatos e canles complementarios dunha mesma achega, tradicionais e innovadores) desemboca agora na devandita aplicación móbil baseada no libro en cuestión, e que estes días preséntase en FITUR, para os promotores de Arquitectura Perdida “a feira de turismo máis importante do mundo”. Detrás de todo este balbordo están dous vigueses, por unha banda Cristian Freire Macías, autor do vídeo e do libro publicado por Flashback Edicións, e pola outra Alfonso Aguado Bustillo, que coa axuda do seu socio Elio Capella desenvolveu a aplicación a través da empresa que manteñen ámbolos profesionais, Kolobee Tourism Apps. A caseta no que levarán a cabo as presentacións atópase no pavillón 10B14A.
Meténdonos xa no miolo da ferramenta presentada en FITUR, dicir que se trata dunha achega innovadora e tecnolóxica para que teñamos conta de todo que se lle privou á cidadanía de Vigo en materia de patrimonio arquitectónico e urbanístico. O servizo, en boa medida un servizo denuncia e tamén un servizo de investigación histórica, lánzanos ao pasado da cidade galega, levándonos da man a como luciría o centro de Vigo se tivese conservado tódolos edificios que desapareceron nas pasadas décadas de desarrollismo inepto. O proxecto, contan os seus responsábeis, xurdiu trala creación do vídeo sobre a arquitectura perdida de Vigo, que amosa os edificios demolidos comparándoos cos actuais. Tralo éxito da reportaxe, chegou o libro e agora a aplicación móbil, que pretende amosar Vigo tal como tería que ter sido.

PUBLICIDADE