Pontevedra acolle un congreso sobre marketing dixital

xoves, 13 de xuño do 2019 Redacción

O 1º Congreso Atlántico de Marketing Dixital Flúor botou a andar esta mañá en Pontevedra con aforo completo e coa presenza de máis de 400 profesionais, recaendo a responsabilidade de inaugurar o encontro no alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen expresou «o orgullo de que Pontevedra acolla a primeira edición deste congreso” e fixo fincapé en “a necesidade de que as cidades aposten por unha economía creativa».
Pola súa banda, Xosé Luís Reza, presidente do Clúster de Comunicación de Galicia, destacou que «trouxemos a Galicia o mellor do márketing dixital traballando xuntos entidades e empresas para crear o concepto e contidos do evento, polo que Flúor representa un proxecto colectivo de todo o sector galego da comunicación».
Xunto a eles, estivo a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que aplaudiu que «un congreso como este incorporase aos seus contidos a perspectiva de xénero na publicidade e aborde os estereotipos da publicidade e como compatibilizar a igualdade de xénero e a diversidade coa necesaria eficacia promocional e de vendas».
Flúor ofrece dous días cheos de intercambio e networking entre os profesionais, con 14 conferencias, 3 mesas redondas 5 obradoiros prácticos. Todos eles serán impartidos por máis de 20 especialistas en Negocio Dixital, Publicidade Dixital & Branding e Social Media que desde primeira hora puxeron o foco nas experiencias e as emocións.
En concreto, Juan Duce director de estratexia de APD sinalou na súa intervención que «o dixital non se entende sen o social. Movémonos por emocións e estas teñen que ser parte fundamental das estratexias en liña». Pola súa banda, Roberto Carreiras, fundador de Voikers, foi máis aló e asegurou que «a tecnoloxía a fai calquera, son as experiencias nas que hai que poñer o foco para transmitir, expresar e conectar».

PUBLICIDADE