PhotoILike consegue recortar a uns segundos o tempo adicado a xestionar a venda dunha vivenda

xoves, 16 de xuño do 2022 S. P.

A empresa da Coruña PhotoILike, centrada en mellorar o mercado de vivendas con Intelixencia Artificial, vén de compartir os seus últimos avances tecnolóxicos. Estes pasan, entre outras cousas, por achegar tecnoloxías intelixentes que revolucionen a xestión de vendas de inmóbeis, simplificando uns procesos que sen as ferramentas innovadoras axeitadas tenden a alongarse (selección de imaxes, etiquetado, ordenamento correcto e outros mecanismos para conseguir que os pisos e casas se aluguen ou venda en períodos máis breves de tempo). En concreto, os investigadores de PhotoILike conseguiron certificar os resultados do seu servizo AutoAd constatando, entre outras cousas, que os vinte minutos de xestión dunha vivenda se reducen a vinte segundos coa aplicación de Intelixencia Artificial.
En termos de vendas, conseguiron demostrar tamén que o uso da dita ferramenta da empresa coruñesa incrementou máis do 15% a conversión de anuncios inmobiliarios de Abanca a través do portal inmobiliario Idealista, referente no sector. “O uso sinxelo de AutoAd non fai máis que pór en evidencia que as mellores tecnoloxías cuxo desenvolvemento é complexo e custoso, deben ser manexábeis polo usuario final”, sinalan dende a firma galega, salientando tamén os esforzos postos en xogo para afinar os resultados: “O 95% dos anuncios que tiveron éxito para vender inmóbeis foron xestionados co software AutoAd”.
Detrás desta innovadora empresa atópase un equipo de profesionais relacionados coa Universidade da Coruña, entre os que está Juan Romero, quen acaba de recibir o premio Award for Outstanding Contribution to Evolutionary Computation in Europe, outorgado pola Society for the Promotion of Evolutionary Computation in Europe and its Surroundings (SPECIES), un galardón que avala a nivel internacional aos investigadores que máis contribúen ao ámbito da Intelixencia Artificial e a Computación Evolutiva.
“Estamos a asistir ao auxe das tecnoloxías como facilitadoras de procesos que até agora eran comúns entre os traballos máis tediosos e moitas veces supeditados ao criterio individual de quen os realizaba. Veremos que máis nos depara o eido da Intelixencia Artificial mentres asistimos orgullosos ao éxito dunha empresa local que coloca a Galicia no panorama máis visíbel da innovación tecnolóxica”, engaden dende a empresa da Coruña.

PUBLICIDADE