PéZcalo pon en marcha unha campaña para facilitarnos o enleado trámite do agasallo de Nadal
xoves, 1 de decembro do 2011

- Javier Sousa e Iván Fociños, creadores da tenda en liña
Estes días previos ás festas de Nadal, esas
festas que teñen o poder de adiantarse cada ano un pouco máis (se non chega a
ser polo Samaín, encanarían xa co verán), quen máis que menos pode chegar a
agradecer que lle recomenden en qué porta petar á procura dun agasallo. Se,
ademais, a cousa queda aquí, mellor que mellor. Nestas andan os compañeiros de PéZcalo, tenda en liña de
produtos de pesca (da que xa temos
falado en Código Cero) dende a que se vén de lanzar unha campaña para que
todo aquel internauta que ande doente por agasallar do xeito máis cómodo e fiable
poida facelo sen necesidade de dar coa cabeza contra unha parede. A campaña chámase
Fai feliz a un pescador.
Segundo nos contan dende
a web de EGANET, asociación na que se integra a tenda en liña, a iniciativa
xurdiu co obxectivo de introducir un pouco de orixinalidade nesa aburrida
paisaxe que é a dos regalos de Nadal, con esta teima que temos de levar
garabatas e perfumes a quen probablemente estea farto de ámbalas cousas. A
clave disto, informan, está nas Tarxetas Agasallo que PéZcalo pon á venta na
súa web con prezos que oscilan entre os 30 e os 130 euros e que os compradores
poderán recibir ben por email, ben por correo certificado. A caducidade das
mesmas é dun ano, o que deixa un tempo moi razoable para que o pescador ou
pescadora pense ben por que produto quere cambiala.
A campaña parte dun reto importante a ter en conta: chegar ás familias
dos seareiros da pesca, cousa que, por específica, non semella doada. Para
solucionalo, dende PéZcalo puxeron en marcha un sistema de divulgación baseado
en correos electrónicos e uso de redes sociais mediante o cal a persoa
potencialmente agasalladora pode comunicarlles aos familiares ou amigos, a
través da empresa, a opción de mercar unha das devanditas tarxetas, “aforrando deste xeito o comprometido trámite
de ter que manifestar a nosa preferencia ou o risco de obter un agasallo que
non nos guste”.
Vídeo promocional da campaña
