Parallels Desktop corre Windows 10 de xeito nativo en procesadores Apple Silicon

mércores, 14 de abril do 2021 Marcus Fernández

Ao chegar ao mercado os novos ordenadores de Apple con procesadores M1 baseados en arquitectura ARM díxose adeus a Boot Camp, a tecnoloxía que permitía seleccionar no momento do arranque do sistema entre macOS e Windows, xa que non está dispoñible unha versión de consumo de Windows 10 para equipos con procesador ARM, pero grazas ao traballo de Parallels os usuarios destes novos ordenadores poderán seguir a utilizar o sistema operativo de Microsoft mediante a virtualización.
Parallels Desktop 16.5 para Mac ofrece a posibilidade de correr aplicacións de Windows 10 baixo macOS, con independencia de que o noso equipo teña un procesador de Intel ou de Apple, asegurando que o funcionamento nos equipos con procesadores M1 non só consegue o mellor rendemento nun equipo informático con procesadores ARM, senón que tamén consegue unha magnífica eficiencia enerxética.
Dado que xa hai máis de 100.000 usuarios de equipos de Apple con procesador M1, a actualización de Parallels Desktop era unha prioridade que por fin vén de ser atendida, e que corre con soltura o Microsoft Windows 10 ARM Insider Preview conseguindo que o consumo enerxético sexa 2,5 veces inferior ao dun MacBook Air cun procesador Intel de 2020; tamén conseguen mellorar o rendemento de DirectX 11 até o 60% en comparación cun MacBook Pro con procesador Intel e gráfica Radeon Pro 555X; e incluso conseguen que a máquina virtual vaia un 30% mellor que unha con Windows 10 nun MacBook Pro cun procesador Intel Core i9.

PUBLICIDADE