PSA Peugeot Citroën e o CTAG integrarán nos vehículos tecnoloxías de condución automatizada

xoves, 4 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

Un intre da xornada de traballo desenvolvida este mércores no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG)

Se todo vai ben, se nada se torce, os galegos poderemos gabarnos no futuro de ter contribuído, e moito, a espallar e universalizar o coche intelixente de condución automatizada. Ou sexa, un vehículo que sexa quen de pór as habilidades e a materia gris que a nós definitivamente nos falta en situacións de certa complexidade na estrada como atoamentos ou manobras para aparcar, ou en circunstancias onde é potencialmente viábel a figura dun piloto automático (coma no tránsito por autoestradas). O coche intelixente, en realidade, xa existe e veu da man do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Porén, trátase dunha serie de traballos que polo de agora fican no ámbito da investigación. Faltaba o elemento que os universalizase e ese elemento semella ser PSA Peugeot Citroën.
A compañía francesa vén de tomar a decisión de subir un novo chanzo na súa colaboración con CTAG (unha colaboración que vén de longo) e por esta razón encargoulle ao centro un proxecto que consiste na integración paulatina, nos seus vehículos, das tecnoloxías de condución automatizada do complexo tecnolóxico galego. Así o fixo saber oficialmente este mércores o director de Investigación e Innovación da compañía, Jean Marc Finot, xunto co director do centro de Vigo de PSA, Yann Martin, e o conselleiro de Economía e Industria, Fernando Conde. A nova foi dada a coñecer no marco dunha xornada de traballo en Porriño cos integrantes e responsábeis do CTAG, convocada para dar conta deste proxecto (Mobile Lab) e outras iniciativas xa en marcha.
Xa nun plano máis concreto, PSA Peugeot Citroën explicou que un dos ámbitos que máis quere fortalecer a empresa coa axuda do centro galego é o ámbito da interacción condutor-automóbil. Este eido de investigación coñécese como HMI (Human Machine Interface), e diríxese sobre todo a crear canles e recursos que sexan de uso extremadamente simple e sinxelo para as persoas e extremadamente comprensíbeis para as máquinas. Con isto, preténdese entre outras cousas que o troco de condución tradicional a automatizada sexa un troco doado de levar a cabo, así como o proceso contrario. Estas tecnoloxías, engadiu PSA Peugeot Citroën, teñen un gran potencial nos traxectos longos realizados por autoestradas, onde estaremos en disposición de deixarlle ao coche que faga o traballo de desprazarse por nós. Esta funcionalidade en concreto podería vir xa integrada nos vehículos do grupo PSA a partir de 2020, fixo saber Finot no CTAG.
Como dixemos, na xornada de traballo tamén participou o conselleiro de Economía, Fernando Conde, que salientou “o traballo que están a realizar os especialistas do CTAG, apoiados por varios laboratorios, un simulador e unha pista de probas que, destacou, pon a Galicia no grupo de vangarda das novas tecnoloxías do vehículo conectado e do vehículo autónomo”. E engadiu: “Esa é a dirección, resaltou, na que PSA Peugeot Citroën, CTAG o e a Xunta reforzarán aínda máis o seu traballo conxunto”.

PUBLICIDADE