PEME e autónomos de Santiago familiarízanse coas vantaxes da eAdministración da man da Cámara de Comercio

xoves, 16 de abril do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago organizou este xoves unha xornada sobre eAdministración para PEME e autónomos, en colaboración co Concello. O evento foi inaugurado polo presidente da dita entidade, Jesús Asorey, e a concelleira de Economía de Santiago, Reyes Leis. A xornada tivo como obxectivo dar a coñecer os usos da factura electrónica e das ferramentas dun programa estatal, o Programa eAdministración da Cámara de España. Esta iniciativa busca estender o emprego das ferramentas dixitais no día a día das PEME e os profesionais coas institucións públicas, facilitando tramitacións, comunicacións, procedementos e expedientes.
O coordinador nacional do Programa eAdministración da Cámara de España, Juan Miguel Cuellar, salientou na xornada que as ferramentas dixitais que visualiza o proxecto permiten “aforrar custes e achegar beneficios na xestión empresarial que redundan nunha mellora da produtividade da empresa”.
Este programa ten unha primeira fase de consultoría para a optimización de procesos onde se realiza un diagnóstico asistido e personalizado ás empresas participantes. A eAdministración, lembrou Cuellar, pode axudar a reducir as cargas administrativas, fornecer axilidade aos procedementos coas Administracións ou automatizar procesos que incorporen evidencias electrónicas certificadas, como a sinatura dixital, o selo de tempo e as notificacións electrónicas certificadas que garanten a súa seguridade xurídica.
“Unha vez realizado o diagnóstico”, explicou o relator, “elabórase un documento de mellora de procesos que servirá de guía para a fase de implantación en plataforma de servizos”. Nesta segunda fase, a empresa beneficiaria poderá realizar trámites con empresas privadas ou coas administracións, facturar dixitalmente, automatizar procesos internos e realizar transaccións mercantís coas certificacións xurídicas necesarias. O custo da implantación destas solucións será dun máximo de 1.000 euros.

PUBLICIDADE