Os nenos ingresados no CHUS mergulláronse na robótica creativa da man do CPEIG, ASANOG e o CITIC

martes, 27 de decembro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou onte luns 26 de decembro un obradoiro de robótica para nenas e nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con cancro ou outras doenzas. O taller desnvolveuse en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC).
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato.
A cita formou parte do programa de actividades que o CPEIG desenvolve na Aula Hospitalaria do CHUS, talleres tanto de robótica como de navegación segura, temática sobre a que está previsto que o presidente do colexio, Fernando Suárez, imparta esta semana unha charla.
Durante a xornada do luns, na que participaron unhas dez nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, mostráronse algunhas das aplicacións realizadas dentro do programa Talentos Inclusivos do CITIC, así como diversos xogos adaptados creados polo alumnado de Terapia Ocupacional da UDC. Así, os pequenos puideron probar desde un balancín que permite manexar un xogo co movemento das pernas, a un piano con teclas que están formadas con materiais de diferentes texturas. Outra das actividades consistiu en crear un mando personalizado facendo uso dun dispositivo Makey Makey e Scratch. Por último, deuse a posibilidade de utilizar un Makey Makey conectado a diferentes pezas de froita para, por exemplo, tocar un piano.

PUBLICIDADE