Os internautas galegos celebran esta fin de semana os dez anos e os 100.000 artigos da Galipedia

venres, 8 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Tal e como avanzamos os días pasados, este mes de marzo tódolos internautas (xa non só galegos) estamos de celebración. A Wikipedia en galego, A Galipedia, chega aos dez anos de vida e traxectoria e isto, tendo en conta os tempos que corren (menos axudas institucionais e menos de calquera cousa) e que estamos a falar dunha iniciativa impulsada por voluntarios, é ao noso parecer un gran motivo de festexo. Asemade, non se trata dunha ferramenta de interese para unha necesidade puntual. Falamos dun recurso que unha boa parte dos internautas galegos (e non galegos) empregan decote, moi decote, co privilexio de acceder de balde e de poder empregar (respectando a fonte, claro) os contidos. Un dos días máis sinalados é este venres 8 de marzo, unha xornada na que tamén se celebra que o pasado día 4 a Galipedia foi alén dos 100.000 artigos. Todo un logro a ter en conta, que os coordinadores do proxecto agradecen á longa listaxe de persoas e colaboradoras anónimas que fixeron posible este dobre fito histórico.
Falamos pois dun proxecto colectivo, que nos achega posibilidade de construír unha fonte galega de coñecemento, para as xeracións presentes e vindeiras, de primeira orde. “Na Galipedia”, explican os coordinadores, “pode colaborar todo o mundo, e tódalas colaboracións construtivas son benvidas, pois tódalas mans son necesarias para levar adiante isto: conseguir un mundo no que cada ser humano poida compartir libremente a suma de todo o coñecemento e en galego”. Por estas e outras razóns, os responsables da Galipedia seguen a animar, agora máis que nunca, á participación no seu seo, co fin de ampliar coñecemento e, tamén, puntos de vista. De feito, a pluralidade, din, é o único camiño para acadar a máxima fiabilidade nas entradas da enciclopedia en liña:“Todos temos coñecementos dalgunha materia cos que podemos colaborar na Wikipedia en galego: lingua, historia, matemáticas, ciencia, música..., os eidos de traballo son case infinitos, e cada un pode traballar nas áreas que máis lle interesen, tamén se pode colaborar facendo e engadindo imaxes ós artigos, unha tarefa moi importante no proxecto, xa que unha imaxe axeitada fai que un artigo aumente a súa calidade”.
Con motivo disto, este sábado 9 vaise celebrar unha intensa xornada divulgativa, con diferentes conferencias e charlas, no Colexio Maior de Fonseca en Santiago de Compostela. Falarase da Galipedia, de proxectos wiki, coñeceranse empresas galegas que usan licenzas semellantes á da Galipedia, e falarase tamén de activismo cultural en Internet e de coñecemento libre e democracia. Toda a información está na axenda-web da enciclopedia galega, onde se nos lembra que o acto está aberto a todo o mundo ata cubrirse a cota de asistencia.