Os fundamentos de desenvolvemento áxil con SAFe centran un novo curso de Vitae

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

A consultora galega Vitae tennos deparado para o mes de marzo un novo curso sobre metodoloxías áxiles de traballo. Trátase do curso Escalado Agile: Fundamentos Agility con SAFe, de 15 horas de duración. Celebrarase os días 11, 13, 14, 18 e 21 de marzo de 2024. O curso inclúe recursos para adaptarnos aos cambios e actualizacións da contorna empresarial e tecnolóxica actual, un contexto no que as organizacións tentan aplicar as súas estratexias para manter ou aumentar a súa competitividade a través de iniciativas de negocio e o desenvolvemento de produtos e servizos diferenciais.
“Esta continua evolución dos mercados e a incerteza asociada ao cambio”, sinalan fontes de Vitae, “esixe unha gran capacidade de adaptación á demanda do cliente, e neste escenario, precisamente, faise precisa unha evolución cara á axilidade empresarial (Business Agility) entendida como a capacidade e a vontade dunha organización para adaptarse, crear e aproveitar o cambio en beneficio dos seus clientes respondendo rapidamente a unha oportunidade de negocio”.
O curso porá o foco en tres cuestións principais: a capacidade de adaptación flexíbel e rápida (Business Agility é a capacidade de adaptarnos conscientemente); un estado continuo que ten un inicio, pero non un fin (non é un obxectivo estático ou unha meta); e os valores e principios de Agile como fundamentos e inspiración.
Vitae explica que existen diferentes modelos de Business Agility, e o máis estendido e posto en práctica a nivel mundial é SAFe: Scaled Agile Framework, cuxa versión máis recente é a 6.0, que se presenta como unha base de coñecemento de principios, prácticas e competencias integradas probadas para lograr a axilidade empresarial utilizando Lean, Agile e DevOps. Está construído ao redor das sete competencias básicas da axilidade empresarial que son fundamentais para lograr e manter unha vantaxe competitiva nunha contorna cada vez máis dixital: liderado Lean-Agile, axilidade do equipo e técnica, entrega áxil de produtos, entrega de solucións empresariais, xestión do portafolio Lean, axilidade organizacional e cultura de aprendizaxe continua.
O curso será impartido por Javier Álvarez, licenciado en Ciencias Físicas con estudos doutorais en Astrofísica. Javier é agile coach e trainer con máis de 20 anos de experiencia en consultoría tecnolóxica e, actualmente, é experto en axilidade e transformación empresarial. Desempeñou roles de project manager e arquitecto de solucións en consultoría e integración de aplicacións, especializándose no desenvolvemento de solucións empresariais con tecnoloxía Microsoft, integración de aplicacións e mobilidade.
A partir de 2013, Javier penetrouse no ámbito da axilidade e a transformación áxil para a posta en marcha e acompañamento en diferentes métodos e prácticas áxiles: Scrum e Agile Product Management, Kanban, Scrumban, Historias de usuario e BDD, escalado áxil con Scrum de Scrums e SAFe, Management 3.0...
Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou en temas de axilidade atópanse BNP Paribas, Santander Banca Privada, Fundación Microfinanzas BBVA, Bankia, IBM, Nokia Tecss, Mapfre, Mutua Madrileña, DKV, El Corte Inglés, UNIR, Fundación Biodiversidade, Tragsatect, RENFE, SEGITTUR e FNMT.

PUBLICIDADE