Os efectivos antiincendios galegos refórzanse con drons por todo o territorio

venres, 28 de xullo do 2023 S. P.

Un total de 30 patrullas do Exército e dous equipos de mantemento móbil súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes dos lumes forestais. Ademais, haberá importantes incorporacións a nivel tecnolóxico, como por exemplo a despregadura de drons por todo o territorio con capacidade para identificar matrículas de vehículos nas pistas.
Así o destacou este venres 28 de xullo o conselleiro do Medio Rural, José González que, acompañado por Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu a presentación das tropas da Operación Centinela Gallego, no marco dun convenio entre o Goberno galego e o Ministerio de Defensa.
No acto, o conselleiro destacou que “30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil despregaranse nos montes galegos no marco deste operativo, que se renova un ano máis”. O obxectivo é que “a presenza de medios militares contribúa a atallar lumes e actividades incendiarias, ao supor un aumento do número de efectivos sobre o territorio, co consecuente reforzo da vixilancia e da disuasión”.
Nesa liña, o titular do Medio Rural lembrou que os efectivos das Forzas Armadas incorpóranse ao operativo co “obxectivo de mellorar a seguridade das persoas e dos bens e, en xeral, a protección e defensa da riqueza forestal da nosa comunidade fronte a ameaza dos lumes”. Dentro deses efectivos, contamos coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), creada no ano 2021, que traballa para esclarecer as circunstancias dos lumes.
No eido tecnolóxico, o dispositivo conta con drons despregados polo territorio e cámaras de última xeración na rede de vixilancia fixa, provistas dunha tecnoloxía especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal que é capaz mesmo de identificar matrículas de vehículos nas pistas.
Ademais de agradecer o labor de todos os efectivos contra o lume que operan baixo o mando único da Xunta, José González aproveitou para volver apelar á prudencia e á colaboración cidadá. Nesa dirección, lembrou que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Así mesmo, está dispoñíbel o teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085, para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento.

PUBLICIDADE