Os cidadáns de Oulu prepáranse para tirarlle proveito ao proxecto galego RunWithUs

luns, 4 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Unha boa parte da vangarda tecnolóxica internacional, sobre todo a dedicada a impulsar espazos urbanos cara ao futuro (estendendo as vantaxes do fogar dixital cara ao escenario íntegro da cidade), mantén estes días a súa atención no que acontece na cidade finesa de Oulu. O motivo é a primeira edición do Open Ubiquitous City Challenge, UBI Challenge para entendérmonos, un certame que consiste en convidar a toda a comunidade científica mundial para que cada membro saque o visionario que leva dentro e concorra achegando a súa proposta particular para apuntalar e asegurar unha cidade do coñecemento ideal, non virtual senón real como a vida mesma. Como dixemos recentemente en Código Cero, o concurso que convoca a Universidade de Oulu ten unha achega galega. Trátase de RunWithUs e vén da man da Universidade de Vigo e o Centro Gradiant.
Neste intre, compite con outras tres (procedentes de Grecia, Suíza e Alemaña) ao tempo que se leva á práctica polo miúdo na propia urbe finesa. O escenario de operacións é o mellor dos posibles: unha cidade, a de Oulu, que é en si mesma e grazas á súa participación no programa UBI un obradoiro de investigación rebordante de tecnoloxía innovadora. De feito, son os propios cidadáns-usuarios os que contribuirán a elixir a proposta que pasa á seguinte fase. Os servizos finalistas, por certo, estarán dispoñibles de xeito gratuíto nos paneis da cidade dende o vindeiro 7 de xullo. Os cidadáns de Oulu poderán probar estas tecnoloxías ata o vindeiro outono, que é cando se decidirá o gañador. Este traballo avaliador compleméntase coa formalización dun xurado composto por especialistas internacionais, que se dedicou sobre todo a elixir as aplicacións en proba logo dun pormenorizado exame das propostas achegadas dende tódolos recantos do mundo. A partir de agora, os protagonistas son os cidadáns de a pé.
Como dixemos, o proxecto galego vén da man de Gradiant e a Universidade de Vigo. A proposta galega no certame UBI (Urban Interactions), destaca en boa medida grazas á súa aposta por un espazo urbano onde o cidadán interactúa coa informática ou a computación de xeito natural e transparente. A aplicación galega é un servizo creado para motivar aos cidadáns na práctica do deporte. Pon en xogo unha rede social na que os usuarios poden compartir as súas actividades de adestramento e os resultados coas súas amizades e competir con elas. Os destinatarios deste recurso rexístranse nos displays espallados por toda a cidade e a través das infraestruturas Wi-Fi de Oulu e dos seus propios dispositivos dotados con acceso sen fíos. Os resultados fican rexistrados, con información relativa á duración, velocidade e percorridos. Ao mesmo tempo, poderán compartir os seus rexistros e acceder aos dos seus contactos, como por exemplo as súas rutas favoritas. As persoas inscritas poden consultar tamén cales dos seus amigos está a facer deporte nese intre.