O vello catálogo de ligazóns de Yahoo!, ó faiado
martes, 27 de marzo do 2007
Na Rede xorden e esvaécense contidos e servizos a unha velocidade que estraga peiteados. En ocasións, os contidos aparecen e semella que levan alí toda a vida, e noutras vanse pero deixan unha pegada que é por dicilo así o eco da Web que aínda son quen de oír os buscadores e que xa non comunica ren (coma carteis de negocios pechados). Enleadas aparte, hoxe soubemos que vén de pecharse de xeito definitivo unha “institución” na Rede, e é o catálogo de Yahoo!, listaxe de contidos e servizos que foi a primeira razón de ser do popular buscador, en 1994, cando foi posto en marcha por Jerry Yang e David Filo. Esta listaxe, segundo informa Enrique Dans, tivo a súa orixe nunha acción ben sinxela que case tódolos internautas levamos a cabo polo menos unha vez ó día: incluír unha páxina ou blog que nos gusta ou nos parece útil en Favoritos.
Coñécese que a Yang e a Filo diferenciounos un miúdo detalle do resto dos mortais que andaban aqueles días pola Internet (ben poucos, polo menos en Galiza): eles amorearon tantos espazos que lles gustaban no cartafol Favoritos que comezaron a ter verdadeiros problemas para clasificalos e mesmo para acceder a eles.
O certo é que o peche do catálogo víase vir, xa que como nos indica o blogueiro galego estaba a ser reducido paseniño pero sen pausa ó faiado do buscador, alí onde amorean as cousas que xa non teñen finalidade práctica. Os motivos deste “traslado” teñen que ver coa imposibilidade de levar a cabo as tarefas de actualización. É dicir: a Rede medrou de máis como para poder vestila como se vestía alá polo 1994. Asemade, os internautas de hoxe non os mesmos cós dos noventa, ou, se son os mesmos, non aceptan determinadas cousas como as aceptaban naquela época. A Web 2.0 ten unha particularidade: non soe desagradar ós usuarios da Rede, e de entre tódolos elementos que lles entran ben polo ollo, cómpre salientar a posibilidade de participar directamente. De meter man. De aí que hoxe sexan xa os propios internautas cos seus sistemas de clasificación da información os que contribúan ós espazos que en certa maneira substitúen ós vellos catálogos, sendo este caso aplicable tamén a Yahoo! Agora, no buscador, indícase o número de persoas que gardaron unha determinada ligazón xusto debaixo de cada resultado da procura.
