O router ReVisio de Arteixo Telecom, unha das mellores cen ideas do ano

xoves, 18 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Usuario do autobús conectándose á Rede cun Nokia N810

As empresas galegas Arteixo Telecom e Level Telecom están a piques de recibir un importante recoñecemento ao seu labor de investigación e desenvolvemento no eido das redes, máis concretamente no ámbito do acceso ás redes sen fíos en condicións de mobilidade. Falamos do premio que concede de xeito periódico a revista Actualidad Económica ás 100 mellores ideas do ano, publicación que vén de incluír unha solución concreta das firmas galegas no seu ranking de mellores propostas de mercado de 2007: o router Wi-Fi ReVisio, tecnoloxía posta ao servizo dos clientes dos buses interurbanos para que poidan acceder á Internet sen fíos e de alta velocidade (e hoxe en día empregada xa por empresas de transporte como Alsa ou Arriva Noroeste).
O galardón, que vai ser recollido o luns 22 de setembro polo propio presidente de Arteixo Telecom (Rafael Valcarce) durante o transcurso dun acto celebrado no Hotel Ritz de Madrid, encamíñase a salientar os que segundo o xurado son os tres puntos determinantes da dita solución galega: a brillantez, a innovación e a utilidade.
Sinalar que os Premios Mellores Ideas de Actualidade Económica teñen tras de si unha longa tradición, e non só no eido puramente tecnolóxico, senón tamén en ámbitos como a alimentación, a estética, a enerxía, a saúde ou o medio ambiente.
Por certo que o router ReVisio, do que xa temos falado nesta mesma web, constitúe tecnoloxía cen por cen galega desenvolvida por Arteixo Telecom e máis Level Telecom, sobre a base dunha infraestrutura que combina Wi-Fi e 3G/HSPA, un estándar avanzado de acceso á rede para dispositivos móbiles e que achega unha capacidade de ata 7,2 Mbits por segundo, o que a xuízo das empresas responsables significa triplicar a velocidade da maior parte das liñas ADSL.