O proxecto Ecosociedade bota man dos videoxogos para divulgar a biodiversidade mariña das Rías Baixas
martes, 25 de xaneiro do 2022
A
Universidade de Santiago participa nun proxecto que tira proveito dos
videoxogos para incrementar nos escolares o coñecemento, a formación
e o diálogo en relación aos medios naturais das Rías Baixas: o
proxecto Ecosociedade. Os videoxogos en cuestión veñen da man
de Polygon.e Studios e compleméntanse cunha unidade didáctica
concibida polo que equipo de investigación de Ecosociedade, con
ilustracións de Clara Cerviño. A través desta iniciativa
conséguese que os escolares teñan coñecemento real e directo dun
dos nosos grandes tesouros ambientais: a biodiversidade mariña das
Rías Baixas.
Financiada
pola Fundación Biodiversidade, este proxecto contou coa
participación do sector empresarial, da sociedade civil e dos
centros educativos, co obxectivo de “promover a colaboración entre
os axentes para mellorar a conservación da biodiversidade mariña e
a planificación e uso dos servizos dos ecosistemas mariños (SEM)”.
Ao
longo do seu desenvolvemento, Ecosociedade afondou no coñecemento
das investigacións realizadas sobre os servizos ecosistémicos das
Rías Baixas. A través de grupos de traballo con empresas
vencelladas a este espazo identificáronse as interaccións do sector
co SEM, ademais de “establecer unha estratexia de participación
social e empresarial dende unha perspectiva de desenvolvemento
sustentábel”.
No
encontro de presentación de resultados participaron o profesor
Sebastián Villasante e os investigadores Ana Tubío e Pablo Pita do
Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías
Ambientais (CRETUS) da USC, e Carlota Barañano.
Os
relatores destacaron “a interdisciplinariedade da Ecosociedade”,
xa que nela participan expertos no ámbito da bioloxía, a economía
e a participación cidadá. Ademais, insistiron na necesidade de “ter
presente a conservación da biodiversidade mariña nestas zonas para
que nelas se poidan desenvolver actividades que permitan servizos
ecosistémicos”.
Bluescola
Outra
das accións realizadas en Ecosociedade foi o programa educativo
Bluescola, unha actividade formativa na que participaron cinco
centros educativos de Pontevedra e Vigo. A través de videoxogos,
desenvolvidos por Polygon.e Studios, e dunha unidade didáctica, o
alumnado achegouse á biodiversidade mariña das Rías Baixas e á
importancia da súa conservación para o benestar humano, co
obxectivo de promover a conciencia ecolóxica nas futuras xeracións,
segundo explicou Miguel Areán, de Polygon.e Studios.
Os
seguintes obxectivos no marco de Ecosociedade, con novas
investigacións a realizar na zona, céntranse en xerar un maior grao
de compromiso e novas estratexias de actuación, tanto a nivel social
como empresarial.