O potencial das TIC no desenvolvemento: eixe temático do master en Sociedade da Información da USC

luns, 24 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O grupo de investigación GIS-T Idega, inserido na Universidade de Santiago, está a organizar unha nova edición do seu Master On-Line en Sociedade da Información e do Coñecemento, unha actividade que, como o seu propio nome indica, vai dirixida a pór de relevo todo o potencial das novas tecnoloxías no camiño dunha mellora empresarial, investigadora, educativa, social ou persoal, e todo achegado a través do formato que lle é especialmente propio a cuestión tratada: o formato en liña. A actividade, que mantén aberto prazo de preinscrición de matrícula até o día 4 de novembro, inclúe 60 créditos e un título intermedio propio da USC, o de experto en Sociedade da Información.
Máis polo miúdo e como dixemos con motivo de anteriores edicións do master, estamos a falar dun posgrao que vai alén do profesional para inserirse tamén no terreo da investigación, con potencial de abondo para capacitar aos alumnos no impulso de contornos xeográficos concretos a través do seu traballo en empresas, institucións ou comunidades, e tamén no estudo mesmo das ferramentas dixitais e o seu impacto presente e futuro neses contornos.
Segundo apunta a organización na súa web, coa oferta do Master On-line en Sociedade da Información búscase que o alumnado adquira sólida formación TIC e sexa consciente da importancia que adquiren estas ferramentas na sociedade actual, sobre todo á hora de pór en marcha estratexias de desenvolvemento social, cultural e económico nunha vila, cidade, concello, rexión, país ou territorio en xeral. Outro dos obxectivos é establecer as condicións de colaboración científica a prol do dito desenvolvemento entre tecnólogos, científicos sociais e creadores das artes e das humanidades.
No profesional, a intención é impulsar a innovación definindo e cubrindo novos postos de traballo na empresa, na administración e nas comunidades de tipo local con alumnos especializados en pulo económico e social e novas tecnoloxías. En investigación, o obxectivo é formar a investigadores de excelencia especializados na investigación dos impactos do TIC en empresas, institucións, organismos públicos e privados e na sociedade e no territorio en xeral.
O profesorado seleccionado polos cursos ten unha ampla experiencia no mundo da empresa e na investigación, estando integrados a maior parte dos mesmos en tres grupos de investigación da Universidade de Santiago: Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; Novos Medios e Sistemas Intelixentes e Análise de Modelización Económica
Segundo engade a organización, estamos ante un master en boa medida práctico que lle permite “ao alumnado obter unha formación cualificada para o deseño e xestión avanzada de páxinas web, produción de recursos multimedia de vídeo, son e fotografía dixital así como o contacto co mundo laboral coa opción de poder realizar estancias de prácticas en diversas empresas, institucións ou grupos de investigación; como, entre outros, Fundación CEER Galicia-Norte de Portugal, Uninova, Idega, Feiraco, Granxafamiliar, Galicia Autentica, Agalip, ADAF, Cief-Caixa Galicia, Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información, CITA-Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Cáritas, Concellos de Santiago de Compostela, Brión, etc”.

PUBLICIDADE