O portal internacional sobre moda galega estará operativo a finais de ano

mércores, 23 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Internet coma unha pasarela os 365 días do ano. Este é un dos alicerces sobre os que se apoia a nova páxina galega posta en marcha polo Plan de Internacionalización Nova Xeración, un proxecto chamado Fashiongalicia.com que se encamiña de xeito directo a dinamizar o sector do deseño no noso país, sendo a Rede un instrumento de primeira liña para poñer o noso eido téxtil perante os ollos do mundo. Ben sexan os mercados internacionais, ben o público en xeral, ben a prensa especializada.
A maiores, segundo contan os responsables da posta en marcha da web, preténdese “pórlle a etiqueta de vangarda á moda galega a través de Internet, complementando este traballo en liña cunha edición escrita en formato de revista”. Entre os contidos que se van incluír, salientar a relación das principais xuntanzas da creación galega, dos deseñadores e das marcas, dándose acubillo tamén ao conxunto da oferta exportadora do sector, as noticias que este xera e as cifras máis salientables que xorden do seu seo.
Amais disto, tamén se achegará información sobre o emprazamento do deseño galego no mundo. Polo que respecta á feitura da web, dicir que se pensa estruturar en varios apartados (axenda, deseñadores, tendencias, novos talentos, reportaxes) e que esta distribución buscará salientar, especialmente, a información dirixida á prensa internacional. A web, que estará operativa a finais de 2010, virá acompañada dunha revista bianual na que se amosarán polo miúdo as tendencias de cada tempada do deseño galego.