O persoal docente da Universidade de Vigo aprende a crear as súas propias webs persoais
xoves, 17 de xuño do 2010
O vindeiro luns, 21 de xuño, dará comezo
no Edificio Ferro do Campus de Ourense, un peculiar
obradoiro no que as persoas asistentes (preferentemente persoal docente)
terán a oportunidade de aprender a deseñar e crear a súa propia páxina web
persoal, dende a cal proxectar na Rede as súas inquedanzas ou contidos profesionais
e docentes.
O curso, que impartirá o profesor da
Escola Superior de Enxeñaría Informática, José Luis Martínez Orge, consta de 20
horas lectivas que se repartirán ao longo de 10 días (21, 22, 23, 24, 28, 29 e
30 de xuño e 5, 6 e 7 de xullo) en sesións de dúas horas de duración cada unha.
A finalidade do obradoiro é que as
persoas asistentes adquiran a capacitación adecuada para crear páxinas web
persoais que inclúan contidos relacionados coa docencia e a investigación sen
descoidar o aspecto básico do deseño. De feito, segundo palabras de Martínez
Orge, “este é o apartado do curso máis
destacable” pois as clases orientaranse de tal xeito que primen as
interioridades do deseño e a creación.
O programa do curso comezará cunha introdución
a Internet na que o alumnado coñecerá as posibilidades que pode achegar a
comunicación a través das páxinas web e os elementos físicos que a permiten.
Outros contidos do seminario son a ferramenta de desenvolvemento Dreamweaver,
o deseño e a maquetación das páxinas web así como a estrutura das mesmas, a
creación de contidos para que o sitio web se axuste a unha páxina persoal co
perfil de docente, a aplicación de estilos a esas páxinas web para cambiar a
súa aparencia e, finalmente, o mantemento do sitio para que o docente saiba
como ter actualizada a súa web e como xestionala de forma eficiente unha vez
que a publique.
O profesor Martínez Orge cualifica de “moi
importante” a adquisición de coñecementos sobre a creación de páxinas web
persoais “porque lles van permitir aos
asistentes deseñar os seus propios contidos e a súa propia web sen empregar un
sistema herdado ou ríxido que non permita modificar a maneira de amosar e de
xestionar os contidos. Con este curso os docentes poderán empezar o seu propio
deseño dende cero e construír o seu sitio persoal con total liberdade e ao seu
gusto”, afirma. O informático sinala tamén que a adquisición destes
coñecementos serviralle aos docentes da Universidade “como apoio á súa actividade docente e investigadora”, declara.
