O operador galego R quere chegar en dous anos ó 60% da poboación galega

mércores, 3 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

R vai sumar 200 millóns de euros ós 495 que xa leva investidos no despregue da súa rede de fibra óptica en Galiza. Con estas cifras, que foron dadas a coñecer estes días polo operador galego nun comunicado de prensa, o operador fíxase o obxectivo de chegar ó 60% da poboación da nosa terra nun prazo de dous anos.
Así, ás trinta localidades que xa teñen rede de fibra óptica e servizos de R (en 2006 foi habilitada en once concellos), a empresa galega vai sumar en 2007 outras dez: Lalín, Ponteareas, Sanxenxo, Moaña, Bueu, Cedeira, Ordes, As Pontes, Chantada e Xinzo de Limia.
Ademais, o operador confía en acadar nas primeiras semanas de deste ano en curso a licenza para comezar as tarefas de despregue en Ponteceso, Boiro, Allariz e O Grove.
Asemade, segundo apunta R, está previsto que nestes catorce núcleos de poboación se conecten á infraestrutura do operador preto de 59.000 vivendas e locais empresariais.
Con este fin a empresa fará un investimento de 44 millóns de euros, cos que (entre outras cousas) se habilitarán preto de 3.600 quilómetros de fibra óptica e se executarán máis de cen mil metros de obra civil.