O novo proceso de apagamento da TDT comezará por Lugo e outras 16 provincias

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

En febreiro imos ter novidades importantes en materia de Televisión Dixital Terrestre e estándar móbil 5G (a nova xeración de comunicacións móbiles), novidades que, literalmente, tocarannos de preto na nosa terra. En termos concretos, a partir do 10 de febreiro a televisión TDT deixará de emitirse en territorios das seis comunidades autónomas de España, incluídas amplas contornas de Galicia.
Como lembraremos, este apagamento das frecuencias da TDT vén motivado pola necesidade de deixar espazo libre ao despegue de 5G, que se iniciará na dita data do 10 do mes vindeiro en Galicia, Aragón, Euskadi, Andalucía e as dúas Castelas. Nestes territorios as vivendas deberán ter adaptado os seus sistemas de recepción de sinal para poder seguir desfrutando das canles de TV. O proceso rematará o 3 de marzo.
O apagamento implicará o despexe da banda de 700 megahercios (o segundo dividendo dixital). As primeiras liberacións levaranse a cabo nas provincias de Albacete, Almería, Áraba, Biscaia, Córdoba, Guipúscoa, Granada, Huelva, Huesca, Baleares, Lugo, Málaga, Segovia, Soria, Teruel, Valladolid e Zaragoza. Co fin de impulsar a adaptación dos receptores de sinal este mes de xaneiro lanzarase unha campaña informativa e divulgativa de reforzo.
O proceso de resintonización
O proceso de adaptación a estes cambios xa arrincou a finais de verán na nosa terra. Así, o pasado mes de setembro comezou na provincia de Lugo o proceso de cambio de frecuencias da TDT en Galicia, que afecta á resintonización da Televisión de Galicia no marco da liberación do segundo dividendo dixital. O proceso que botou a andar primeiramente en toda a provincia de Lugo estenderase coa chegada do novo ano (este 2020 que vén de comezar) ás provincias de Ourense e Pontevedra, mentres que a provincia da Coruña non terá que realizar cambios nesta primeira fase do cambio de frecuencias.
Durante o proceso de adaptación (vixente aínda) as emisións da TDT estanse a realizar de maneira simultánea nas frecuencias actuais e nas futuras, sendo o plan cesar as emisións nas frecuencias actuais nun prazo de seis meses (ou sexa, este mes de febreiro). No caso das vivendas individuais o cambio só está a supoñer unha resintonización nos televisores do fogar, mentres que en instalacións colectivas, segundo advertimos en setembro, é posible que sexan precisos axustes por parte dun instalador autorizado, para o que existe unha liña de axudas do Goberno de España para compensar pola adaptación das instalacións (a través das que achegarán entre 104 e 677 euros por instalación).