O laboratorio de tecnoloxías cuánticas de Vigo presenta a súa sede

luns, 21 de xuño do 2021 S. P.

A Zona Franca e a Universidade de Vigo deron a coñecer a semana pasada detalles do seu proxecto común para a posta en marcha dun laboratorio cuántico (Center for Quantum Communications Technology, QCTech), que xa ten a súa sede nun edificio da rúa López Moura, propiedade da Zona Franca.
Segundo fixeron saber, o proxecto situará a cidade de Vigo na vangarda da investigación en información e comunicación cuántica, área de estudo da física e da enxeñaría que comprende a análise, o procesamento e a transmisión da información valéndose dos principios e efectos da mecánica cuántica (a parte da física moderna que estuda o movemento das partículas máis miúdas).
Na cita participaron o delegado do Estado, David Regades; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que visitaron as instalacións do QCTech acompañados polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o profesor da Universidade de Vigo, Francisco Díaz.
Zona Franca é socio fundador do Center for Quantum Communications Technology (QCTech), que se constituirá nos próximos meses nunha asociación. Trátase dunha iniciativa da Universidade de Vigo impulsada pola Axencia Espacial Europea (ESA) e o grupo de traballo inclúe a profesores e investigadores de Enxeñaría de Telecomunicación con experiencia en comunicacións e criptografía cuánticas, con máis de 20 anos de percorrido investigador, con recoñecemento internacional como expertos e referentes no deseño e análise de seguridade destes sistemas. Aos devanditos expertos sumaranse referentes en fotónica integrada e en tecnoloxía aeroespacial.
Segundo fixeron saber a Zona Franca e a UVigo, “o centro de investigación pretende ser un referente a nivel internacional no ámbito das comunicacións cuánticas, tanto en infraestruturas terreas como en espazo, co obxectivo de descubrir e desenvolver novas e poderosas aplicacións destas tecnoloxías que axudarán a impulsar as economías futuras”. Amais, sinalaron, “axudará a fixar talento nun ámbito no que Europa e España deben situarse para competir cuns mercados previstos de miles de millóns de euros”. A maiores, salientaron o seu potencial futuro para impulsar a transferencia tecnolóxica á industria española e crear novas iniciativas empresariais.
O proxecto conta con importantes apoios como o EPIC (European Photonics Industry Consortium), o Consorcio Europeo que agrupa a máis de 650 empresas europeas do sector da fotónica; tamén grandes compañías nacionais e internacionais de distintos sectores como telecomunicacións, aeroespacial ou defensa, que pediron confidencialidade; o Instituto de Astrofísica de Canarias, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.

PUBLICIDADE