O grupo galego Menús achegará información diaria sobre cociña dende gastronomia.com

mércores, 23 de outubro do 2013 Redacción

O grupo galego Menús, start-up ligada á gastronomía e responsábel do servizo Menus.es (centrado no impulso á restauración e a hostalería a través das máis innovadoras ferramentas 2.0), adquiriu o dominio gastronomia.com co obxectivo de convertelo nun portal de novas en liña sobre o eido da cociña e da hostalería. O proxecto, segundo indican os responsábeis do grupo galego, nace coa vontade de complementar tecnolóxica e informativamente as achegas de Gastro Radio, case con toda probabilidade a primeira radio cen por cen gastronómica do mundo e que, por certo, desde o 15 de outubro comezou a emitir tamén en FM Madrid.
Lembrar que Gastro Radio conta xa con oito horas de contidos diarios propios relativos á gastronomía. “De orixe galega e vontade internacional”, segundo a definen os seus responsábeis, Gastro Radio foi posíbel grazas a un equipo de xornalistas e profesionais do sector que a puxeron en marcha o ano pasado dando acubillo a múltiples e prestixiosos colaboradores. Por exemplo: Pedro Subijana (chef do Akelaŕe), Joseán Alija (chef do restaurante Nerua de Bilbo), Miguel Ángel de la Cruz (o ecochef), Rafael García Santos (crítico gastronómico) ou Luis Cepeda (crítico gastronómico). Ademais, polos seus micrófonos pasaron chefs do talle de Quique Dacosta, Juan Mari Arzak, Nacho Manzano, Martín Berasategui, Paco Torreblanca ou Rodrigo de la Calle. Esta difusión informativa impúlsase e compleméntase agora a través da actividade de gastronomia.com, segundo nos explican dende Menús.

PUBLICIDADE