O galardón ao mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre recaeu en José Millán, da UDC
martes, 11 de decembro do 2012
José
Millán Soto, estudante e investigador da Universidade da Coruña
(UDC), vén de obter un importante recoñecemento polo seu labor a
prol da programación aberta e a busca de novos xeitos de tirar
abaixo os atrancos que separan as tecnoloxías entre si e estas coa
comunidade de usuarios potenciais. O recoñecemento vén da man de
AMTEGA (Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) que uniu forzas coas
agrupacións galegas de pulo ao código aberto para
convocar o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software
Libre, que desta volta foi dar a José Millán pola
súa iniciativa Soporte
de Accesibilidade nas Aplicacións KDE,
galardón que inclúe unha contía económica de 1.000 euros.
Ademais,
a Asociación Cultural Trasno, colaboradora da iniciativa, outorgou a
Mención
especial á promoción da lingua galega nas TIC,
dotada con 800 euros, a Leandro Regueiro Iglesias, tamén
da Universidade da Coruña, polo proxecto Terminator:
aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando
tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web
Django.
O
obxectivo destas distincións é o fomento e o achegamento dos
universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas
posibilidades de emprego relacionado coas Tecnoloxías da Información
e da Comunicación (TIC), xa que a programación aberta constitúe
“un eido de traballo en crecemento”, sinala
AMTEGA.
Esta
iniciativa enmárcase no do Plan
de Software Libre 2012
da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e
difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega
O
xurado, que tivo que deliberar “entre cinco propostas de
excepcional calidade técnica e gran potencial”, estivo
composto por Manuel Francisco González Penedo, vicedecano de
Relacións Institucionais da Facultade de Informática da
Universidade da Coruña, Antonio Mosquera González, director da ETSE
da Universidade de Santiago de Compostela, Enrique Barreiro, director
da ESEI da Universidade de Vigo, Xavier Castaño socio da empresa
IGALIA e Miguel Bouzada, vicepresidente da Asociación Cultural
Trasno e dous representantes da Amtega.
Este
premio, que vai pola súa V edición, foi creado no 2007 pola empresa
galega Igalia, tras detectar unha importante carencia de
profesionais especializados neste área, informa
AMTEGA, que decidiu coller este ano a testemuña, por vez primeira, e
darlle un novo pulo á convocatoria integrando
nel “aos
distintos axentes
do ecosistema do software libre galego seguindo
a mesma estratexia global e integradora transversal a todas as
actuacións do seu Plan de Software Libre”,
engade
a Axencia. Contouse
polo tanto co
patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto
Trasno, e
coa participación e colaboración das tres universidades galegas, de
AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre
GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.
