O clásico e violento Carmageddon estrea versión para iOS

mércores, 17 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Hai 15 anos o xogo para PC Carmageddon provocou numerosas polémicas por todo o mundo ao ser un título de carreiras de automóbil que, aparte de permitir superar as distintas fases gañando a competición superando aos rivais en velocidade, tamén permitía a opción de destruír aos demais coches ou matar aos peóns, premiándose o volume e a creatividade das mortes, e hoxe volve a ser actualidade por estrearse na App Store como aplicación universal que durante as súas primeiras 24 horas será de balde (tendo logo un prezo de 1,59 euros).
O xogo chega con 11 salvaxes escenarios que poden converterse nunha auténtica carnicería, 26 perigosos opoñentes, modo carreira con 36 niveis violentos, 30 novos coches dispoñibles para desbloquear, logros, marcadores, integración no Game Center, varios modos de control (dixital, analóxico ou mediante inclinación), gravación das xogadas para poder revivilas e gardalas en YouTube e numerosos detalles que farán gozar a quen gustase do título orixinal e entenda esta profusión de violencia como algo tan esaxerado como divertido.
Este retorno do xogo de Stainless Games foi posible grazas a un proxecto que xuntou 625.143 dólares en KickStarter e está previsto que o xogo conte con versión para Android, que debería ver a luz a finais de ano ou primeiros de 2013.


Vídeo no que podemos ver o desenvolvemento do novo xogo en iPad e iPhone

PUBLICIDADE