O alumnado de toda España xa pode presentar as súas contribucións a Galiciencia online 2021

luns, 8 de marzo do 2021 S. P.

A feira científica Galicia, o maior acontecemento xuvenil STEM da nosa terra e un dos máis relevantes do panorama internacional, xa ten aberto o prazo para que as e os estudantes presenten os seus proxectos á nova edición online do evento, a de 2021. O 3 de maio remata a prazo para poder participar con propostas científico-tecnolóxicas á dita feira, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) dende 2006.
Obxectivos
A finalidade de Galiciencia é achegar a ciencia á sociedade, en particular ás e aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar nelas e neles as vocacións científicas. A feira conta co apoio da Xunta, a través de GAIN; e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.
En maio
Esta dezaseis edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento. Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria. “Esta circunstancia”, explica a Tecnópole, “permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía”. Ao abeiro de Galiciencia, equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial.
Premios para os tres primeiros equipos e para o mellor proxecto feminino
As e os participantes na competición de proxectos buscarán situarse entre os tres finalistas. Quen consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lles permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para poder participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial de Galiciencia 2021 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza. Búscase así contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i desde a etapa educativa, promovendo a participación e o liderado femininos nos proxectos científicos e tecnolóxicos.
Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, obradoiros, concursos diversos e espectáculos de ciencia.

PUBLICIDADE