O Xacobeo na Rede, fonte de topónimos deturpados

martes, 23 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Exemplo dos moitos mapas con topónimos erróneos que hai pola Internet adiante

A Rede naceu cun problema: o que había antes da Rede. Isto que é aplicable a moitas das súas eivas (esta tema por reproducir os malos pasos que deron outros), tamén se pode aplicar a unha cuestión que aos galegos nos toca ben de preto, a dos topónimos da nosa terra e a súa deturpación, e que semella o conto de nunca acabar. Dito doutro xeito: nin en algo tan novo e supostamente moderno como Internet nos vemos libres de asistir á modificación da súa principal característica, seren galegos. Segundo conta estes días Xornal de Galicia, só é preciso que se achegue ao lonxe un acontecemento social e turístico de importancia como é o Xacobeo para que fiquen ao descuberto todo tipo de erros (feitos a mantenta ou non) sobre a xeografía galega.
Sen ir máis lonxe, sinala o medio de comunicación galego, o espazo en liña dun máis que prestixioso ente cultural, o Instituto Cervantes, constitúe un bo exemplo disto que estamos a falar. Se temos en conta que na súa web podemos atopar xoias como Palas de Rey, El Cebrero ou Mellid (todos eles topónimos ligados ao Camiño, e polo tanto, á promoción da nosa terra no exterior) ben podemos chegar á conclusión de que o esforzo a prol da promoción da cultura española que leva a cabo o dito Instituto extralimitouse.
Neste labor incansable de informarlle ao mundo que o itinerario xacobeo é unica e indivisiblemente español tamén semella andar metido o Arcebispado de Santiago, que segundo conta O Xornal ten para dar e tomar na súa páxina web: Orense, Tuy, Cebrero e outras localidades personalizadas aos gustos de cada quen e que, de non mediar un esforzo, case poderíamos pensar que nin existen.
Con todo, as eivas respecto dos nosos topónimos non só se deixan ver nos organismos de corte máis tradicional como os devanditos, senón tamén (o que é máis grave) nas comunicacións en liña de entidades novas xurdidas ao abeiro de gobernos progresistas, sendo o espazo virtual de Red.es un dos casos máis salientables, ao incluír nos datos sobre o itinerario xacobeo topónimos tan primorosamente deturpados como San Julián del Camino ou Ayán.

PUBLICIDADE