O Startup Congress Galicia celebrarase o 20 e 21 de abril en Vigo

venres, 14 de abril do 2023 S. P.

A nova edición do evento Startup Congress Galicia celebrarase en Vigo (Palacio da Oliva) os días 20 e 21 de abril e reunirá a todas as aceleradoras galegas e máis de cento cincuenta fondos de investimento. A presentación contou co delegado do Estado na Zona Franca, David Regades; o alcalde, Abel Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e os organizadores Lalo García e Frankie Gómez. A cita contará novamente co apoio do Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o Concello.
O congreso incluirá un amplo programa con charlas con tres salas simultáneas con relatorios, keynotes, entrevistas, mesas de debate, pitches de investimento e entrega de premios ás tres mellores firmas novas e innovadoras (startups). Realizaranse tamén charlas sectoriais onde está previsto o debate entre actores de cada sector sobre o futuro de diversas áreas. O evento terá prazas limitadas para presencial.
O delegado David Regades destacou que “xa contan con máis de 600 inscricións, co que se superará o récord do ano pasado” e subliñou que “é o maior evento que reúne ás startups e investidores en Galicia”.
O alcalde de Vigo dixo que “o congreso necesariamente tíñase que celebrar en Vigo porque é unha cidade con ADN emprendedor e onde se xeran proxectos á vangarda da economía”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, manifestouse “apaixonada do emprendemento, que é fundamental na nova economía” e destacou os programas da Deputación nesta liña.
Pola súa banda, Lalo García e Frankie Gómez explicaron que tamén contarán con fondos de investimento de Portugal, ademais de destacar que “Startup Congress Galicia é tamén é un foro de innovación e poñer en valor o traballo que veñen realizando desde 2010”.
Segundo dixeron, este ano o Startup Congress Galicia terá a presenza de empresas como Stellantis, Cinfa, Gebro Pharma, Visa, Mastercard, Cesmsa, Roberto Verino ou Grant Thortom. Entre as startups estarán Trison, Velca, Efimob, Devo, Getlife ou Ironchip.
Como relatores destacan Aquilino Peña, de Kibo Ventures; Dora Casal, de Roberto Verino; Ricardo Muiños, de Deloitte; ou Luis Garay, do fondo Samaipata
Nas mesas O futuro de.. debaterase sobre como será a industria do comercio retallista, a banca, a saúde, a fraude e ciberseguridade, a alimentación ou o turismo. Estas cuestións serán abordadas por representantes destacados destes ámbitos que expoñerán en mesas de debate as súas visións sobre os cambios que se produciron e estanse producindo.
Durante a tarde do xoves e a mañá do venres as aceleradoras Viagalicia, BFAero, BFAuto, Celta Labs, Abanca Innova, BFFood, High Tech Auto e Connector Startp Accelerator presentan as súas mellores empresas aceleradas a un extenso grupo de investidores que poderán dispoñer de espazos particulares para expoñer as súas necesidades e interese para atopar capital e poder sacar adiante a súa idea.
Unha das salas terá como contido máis de vinte obradoiros onde expor en charlas curtas duns trinta minutos diversos temas que son de gran interese para calquera empresa: Mecenado tecnolóxico, unha vía innovadora para startups e pemes; Oportunidades e retos na nova lei de Protección ao Informante; Deseño dunha estratexia integral de propiedade industrial nunha startup; Financiamento sen equity para acelerar o teu negocio: unha oportunidade de 90M€ de fondos; Financiamento público para startups; Financiamento europeo; ou Como escalar unha startup.

LaconNetwork

A partir de mediodía do venres desenvolverase a clásica Laconnetwork, que é como se denomina ás quedadas informais de emprendedores TIC que se celebran dende 2010 da man de Frankie Gómez e Lalo García (reuníndose cada último venres de mes coa desculpa dunha comida informal).
Segundo se fixo saber na presentación, desde a primeira convocatoria deste acto, fóronse sumando participantes, chegando a máis de 1.000 asistentes rexistrados. O modelo está baseado en que calquera pode organizar unha Lacon mensual na súa zona, baixo dúas premisas simples: cada un pagará o seu en modo fondo común e non se come sentado para propiciar o networking e a mobilidade dos asistentes.
Desde o ano pasado pasa a denominarse Startup Congress co obxectivo de chamar a atención de empresas e investidores no ecosistema emprendedor galego. É unha iniciativa da Asociación Galega de Emprendedores.

PUBLICIDADE