O RACC somete a exame aos GPS móbiles para coches e localiza melloras, pero tamén eivas

xoves, 26 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Os GPS móbiles en coches e motos non sempre foron o que son agora. A tecnoloxía evoluciona case de xeito inevitable (ou debería), e o que nun principio soe ter tantas vantaxes coma complicacións, por norma xeral (aínda que hai moitas excepcións) acaba derivando cara a comodidade e a usabilidade. Segundo o RACC, club español do automóbil, esta liña de mellora case obrigada é a que están a seguir os devanditos dispositivos tecnolóxicos, cada vez máis presentes nos vehículos de todo tipo, cada vez máis accesibles no mercado e cada vez máis completos, aínda que queda moito camiño por percorrer. Para o RACC, que achega estes e outros datos nun estudo pioneiro sobre a eficacia dos navegadores móbiles GPS para coches e motos feito sobre 13 modelos distintos, a nota global sitúase nun “ben, pero precisan mellorar”.
Ou sexa, que malia que en varios equipos se teña detectado un potencial de meirande acondicionamento, sobre todo no soporte e nas vibracións, as melloras téñense incrementado moito nos últimos anos, concretamente “a un ritmo trepidante”. Entre o máis positivo, o RACC atopou incorporacións como a das pantallas de 4,3 polgadas en formato 16:9 con TMC (capacidade de recepción de datos de tráfico en tempo real) dispoñible practicamente como parte do equipamento de serie. Asemade, valorouse especialmente a recomendación de carril que se inclúe nestes dispositivos (ou sexa: a presentación virtual de carrís con marcación de vieiro correcto) ou a función Reality View, que unha recreación modelada dos mapas e vistas en tres dimensións de edificios senlleiros.
Pero non todo é positivo, como dixemos. Entre o negativo, o informe sinala o seguinte: cada vez se adxuntan menos cargadores de rede para reducir o prezo no mercado, co que se fai preciso subir ao coche para poñer en marcha os equipos acabados de comprar. Tampouco se ofrecen en moitos casos manuais de instrucións completos. Asemade, é precisa unha actualización máis exhaustiva do material cartográfico.
Polo que respecta aos GPS nas motos (avaliados por primeira vez nun informe destas características), dicir que na investigación foron sometidos a diferentes probas de resistencia a golpes e chuvia, amais de exames sobre as funcións e dende o xeral ata o máis específico. Segundo se di na investigación, os prezos de venda dos equipos están a un nivel superior ao dos navegadores habituais, malia dispor de prestacións semellantes. Asemade, non inclúen manual de instrucións completo impreso, igual cós dos automóbiles.