O Observatorio Stop Machitroles confirma a crecente virulencia do machismo dixital

xoves, 27 de xaneiro do 2022 S. P.

O Observatorio Stop Machitroles, impulsado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra co obxectivo de combater a gráfica ascendente do machismo e a violencia nas redes, comezou o ano cunha importante novidade: unha radiografía sobre as agresións dixitais ás mulleres no sur de Galicia. Este mapa, sinalaron a UVigo e a Deputación, conforma o primeiro informe do observatorio, posto en marcha ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0.
O documento, presentado este xoves 27 pola directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, elaborouse a partir das achegas de mulleres anónimas que experimentaron violencia machista dixital e participaron neste estudo que arrancou en xuño de 2021.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a encargada de inaugurar o acto, e quixo comezar agradecendo a colaboración da Universidade para facer realidade a Cátedra de Feminismos 4.0 e, en especial, o apoio do reitor, “porque é importante poñer en valor os homes feministas”. Manuel Reigosa respondeu a estas palabras da presidenta provincial recoñecen que este acto lle supoñía “un certo carrusel de emocións, porque ser considerado feminista é para min unha honra e un orgullo”.
Sobre o contexto no que nace este primeiro informe sobre violencia machista dixital en Galicia, Carmela Silva lembrou que “intuitivamente non temos ningunha dúbida de que os espazos tecnolóxicos e as redes sociais son lugares non seguros para as mulleres, sufrímolo todas, particularmente as que temos presenza pública”. Non obstante, recalcou, o mundo avanza con análise, coñecemento e estudos que nos permitan “ver de xeito nidio esta realidade”, e esta, dixo, é a finalidade do Observatorio Stop Machitroles.
Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, recalcou que “tras máis dunha década uso masivo de redes sociais son escasos os datos sobre a prevalencia e as formas destas violencias en liña”. Este estudo, sinalou, “tenta achegar algo de luz sobre o comportamento deste tipo de violencias” e realizar “unha ciberetnografía da paisaxe dixital a partir das denuncias anónimas de usuarias de Internet que recibiron algún tipo de agresión ou acoso machista neste espazo”.
Tipos de violencia identificados
En termos xenéricos, o informe identifica tres violencias diferentes: os ataques machistas individualizados, as violencias sexuais dixitais e a misoxinia virtual organizada. Polo que respecta ao primeiro destes tipos de violencias, están dirixidos a mulleres só polo feito de ser mulleres e “buscan desvalorizar, difamar e minar a reputación e os logros femininos e adoitan actuar contra xornalistas, políticas, artistas, deportistas ou académicas.” Para isto empregan fórmulas moi diversas como o ciberacoso ou cyberbullying, o mansplaining, o crackeo de contas, as acusacións falsas, a suplantación de identidades ou o uso de programas espía para controlar os movementos en liña das mulleres”, sinalaron na presentación.
Polo que respecta ao segundo tipo, este correspóndese coas violencias sexuais dixitais, que “están destinadas a controlar os corpos, goce e sexualidade das mulleres, mediante distintas accións, como comentarios, acoso e insultos de carácter sexual e as ameazas de violación; pornovinganza e pornografía non consentida ou distribución de imaxes íntimas sen consentimento, captación en liña, rexistro e difusión de agresións sexuais a mulleres con fins de trata para a prostitución, sextorsión, grooming con menores e pornografía”.
O terceiro tipo é a misoxinia virtual organizada, tamén coñecida polo termo machoesfera ou os anglosaxóns manhood e manosfera. Trátase dunha estratexia destinada a “facer hexemónico o discurso de odio misóxino e a violencia simbólica no espazo virtual e silenciar, invisibilizar e disciplinar as retóricas das mulleres feministas na paisaxe dixital, coa conivencia, dalgún xeito, das grandes empresas tecnolóxicas como Twitter, Youtube, Facebook, TikTok, Telegram, Twich ou Google e das institucións públicas”. Segundo explicaron, buscando estes obxectivos bótase man de patróns estruturais organizados e sofisticados a nivel tecnolóxico que atacan de xeito sistemático servidores, sitios web e contidos, e que conseguen o peche de contas e accións masivas contra discursos e perfís feministas.
Ataque de Forocoches ao observatorio
Na presentación do informe tamén se fixo saber que as violencias machistas en liña están ben organizadas e cometen continuos ataques contra calquera iniciativa que as denuncie e as poña no punto de mira. Entre elas, o propio Observatorio Stop Machitroles. Así, fíxose saber que entre os días 24 e 25 de xuño de 2021, “xusto coincidindo co lanzamento da recollida de información para elaborar este informe”, rexistrouse un ataque masivo procedente do ecosistema da manoesfera nacional co fin de boicotear esta iniciativa da cátedra, concretamente dende o portal Forocoches, unha web con preto de 900.000 perfís rexistrados e na que “nalgunhas discusións predominan ideas propias da extrema dereita, o fascismo e de desprezo palpábel respecto ás mulleres e ao feminismo”, explicaron, engadindo que neste ataque observouse o mesmo modus operandi en distintos feitos acontecidos nas redes sociais.

PUBLICIDADE