O Museo do Pobo Galego celebra en YouTube o seu festival de Máscaras Tradicionais

martes, 9 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

O Museo do Pobo Galego segue adiante coa súa programación, adaptándoa ás novas contornas dixitais, e convoca unha edición online das xornadas de Máscaras Tradicionais de Entroido, que se desenvolven os días 11, 12 e 16 de febreiro ás 19.00 horas a través da canle de YouTube da institución.
Nun ano tan diferente coma este, o Museo quere recoller o seu carácter catártico e dar a coñecer outras máscaras da península ibérica a través do seu soporte dixital. Así, haberá un percorrido que irá dende Podence (Trás-Os-Montes, Portugal) a Toén (Ourense), pasando por Riofrío de Aliste (Zamora).
O 11 de febreiro celebrarase a primeira xornada que xirará arredor dos Caretos de Podence. Nela intervirá Antonio José Valente Carneiro, presidente e fundador da Asociación Grupo de Caretos de Podence. A continuación, o 12 de febreiro realizarase unha viaxe virtual a Riofrío de Aliste para coñecer aos Carochos ou Zangarrones da man de Juan Francisco Blanco, autor do libro Los Carochos. Rito y tradición en Aliste e Rubén Gago, membro da Asociación Amanecer. A última xornada será o 16 de febreiro e estará dedicada ao entroido de Mugares coas figuras dos Labardeiros e Señoritas. Nesta actividade participarán Ángeles Iglesias DaSilva, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Amencer, e Rosa María Feijoo Rebollo, Concelleira de Cultura de Toén.

PUBLICIDADE