O Machine Learning Workshop Galicia lévanos da man á era da intelixencia artificial

mércores, 12 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O mes que vén a cidade de Vigo vai acoller un evento que é unha xanela ao futuro e, máis polo miúdo, á nosa relación coas máquinas, cada vez máis pensantes, intelixentes e con meirande capacidade para aprender (o que se coñece como Machine Learning). A cita, que vén da man dos centros tecnolóxicos galegos, non é outra que unha nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018. Segundo puidemos saber esta semana, será unha oportunidade inmellorábel para ver claramente os múltiples beneficios que atesoura o ML para a sociedade e a industria, un potencial aínda por explotar pero que nos sitúa, en palabras da organización, “ante un futuro ateigado de novos retos e oportunidades”.
Asemade, as entidades impulsoras da xornada de traballo informaron que este ano a conferenciante convidada será Ana Peleteiro Ramallo, directora de Ciencia de Datos en Tendam (previamente, o grupo Cortefiel), coa súa charla titulada Vivindo a era da Intelixencia Artificial: contos do Machine Learning e datos.
O workshop, previsto para o vindeiro 18 de outubro, virá da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordina o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e a empresa Imatia. As entidades organizadoras acompañaron o subministro de novos datos sobre a cita nun novo chamamento a participar: “Convidamos aos autores a compartir a súa experiencia arredor do ML durante o evento, tanto se proceden do ámbito académico como empresarial, e tamén se convida ás empresas a compartiren as súas necesidades e participaren no evento co obxectivo de establecer sinerxías”.
Para a organización do workshop, o espallamento do ML xa está a xerar importantes achados en ámbitos como os seguintes: sistemas de procura, análise de textos e redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria ou aplicacións de analítica para a intelixencia do negocio.
Segundo engaden os centros organizadores do evento, nesta edición darase prioridade aos traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning en casos reais, co fin de mostrar á industria o potencial destas tecnoloxías. Tamén se valorarán traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou industrial.
O comité científico da xornada está formado por Ricardo Cao (CITIC - UDC, ITMATI), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC – UVigo), David Mera Pérez (CiTIUS – USC), Andrés Gómez Tato (CESGA) e Fernando Vázquez Núñez (Imatia).
Lugar de celebración
Tralo éxito colleitado en 2016 e 2017, cunha manchea de relatorios e máis de 100 participantes (entre investigadores e empresas en cada edición, AtlantTIC asume a organización da III edición do Machine Learning Workshop Galicia, que será o 18 de outubro de 2018 en Vigo a partir das 09:00 na Sede Afundación, Rúa Policarpo Sanz, 24-26.

PUBLICIDADE