O Goberno quere regular a actividade dos comparadores en liña de seguros

mércores, 5 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Estado tenlle o ollo botado aos servizos de comparación en liña de seguros, e, polo que se conta na Rede, algo máis que o ollo. Cómpre sinalar que este tipo de sitios están a día de hoxe nunha especie de terra de ninguén dende o punto de vista xurídico, cousa que para o Goberno central ten aínda máis gravidade se temos en conta que reciben, os de máis sona, centos de milleiros de visitas ao mes na procura de pólizas. Webs como Acierto.com, Rastreator.com e Seguros.es amorean, no seu conxunto, máis de un millón de visitas en catro semanas. Agora, estes sitios e outros de menor seguimento (moito menos fiables) están no punto de mira da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, dependente do Ministerio de Economía, que prepara unha normativa para pór orde na actividade dos comparadores, decote moi empregados para contratar un seguro novo dende a Rede.
Este tipo de servizos experimentou nos últimos tempos unha auténtica revolución. Isto unido ao dito limbo legal no que se moven, fai que sexa máis preciso que nunca un regulamento que lles obrigue entre outras cousas a rexistrarse perante o seu órgano supervisor estatal, neste caso a dita Dirección Xeral. Amais, unha vez que se poña en marcha a lexislación, os comparadores de seguros terán que (casualmente) asegurarse eles mesmos e amosalo: contratando un servizo de responsabilidade civil e constatando e avalando a fiabilidade dos seus responsables. A iniciativa semella que está a ser ben acollida entre os principais sitios web, xa que din que iría en beneficio do sector e, sobre todo, e dos clientes, que terían meirande marxe de confianza. Sinalar que un dos principais problemas que se estaba a detectar era que unha boa parte da comunidade internauta confundía, xeralmente, este tipo de webs coas empresas dedicadas especificamente á contratación de seguros.