O Goberno achega á Deputación de Pontevedra 1,5 millóns para transformar a xestión do padrón dos concellos

xoves, 7 de marzo do 2024 S. P.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou esta semana que o Goberno pon a disposición da Deputación de Pontevedra 1,5 millóns de euros para axudar aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes a modernizar os seus sistemas de xestión do padrón.
Estas axudas económicas que o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática dirixe especificamente ás deputacións, cunha dotación total de 64,1 millóns para toda España, acelerará a modernización dos padróns coa que deberán cumprir todos os concellos antes de agosto do 2026 segundo un recente cambio normativo.
En total, o importe preasignado polo Goberno para a provincia de Pontevedra ascende a 1,5 millóns de euros, polo que lle corresponde á Deputación a solicitude e repartición desta axuda estatal entre os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes como destinatarios finais.
Como dixemos, a nivel provincial, poderán beneficiarse destas axudas os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra. Abel Losada destacou que, ademais da mellora do padrón porase en marcha un novo sistema de intercambio de información co Instituto Nacional de Estatística (INE). Así a información pasará de compartirse con periodicidade mensual a estar dispoñíbel para o INE en tempo real. O organismo estatal publicará unha guía técnica para axudar neste cambio tecnolóxico.
“España está á cabeza da transparencia e rapidez nos procesos electorais, en gran parte debido á calidade do censo”, afirmou Abel Losada, quen puxo en valor este novo paso. Lembrou tamén que nas últimas Eleccións Autonómicas tan só houbo dúas reclamacións de electores por erros en toda a provincia de Pontevedra, o que dá unha idea clara do altísimo nivel de calidade do censo.
O subdelegado informou que, ademais, estas axudas, con cargo aos fondos NextGenerationEU, permitirán “aos concellos construír unha base municipal de datos de vivendas, unificada a nivel nacional, coa que tamén deberán contar obrigatoriamente a partir do 2026”. Esta base identificará cada vivenda a partir da súa referencia catastral e contará con ferramentas para a actualización da información.

PUBLICIDADE