O GRUVI achega ás entidades sen ánimo de lucro unha nova convocatoria para obteren computadores reciclados
mércores, 8 de outubro do 2014
O Grupo de Reciclaxe
Informática da Universidade de Vigo (GRUVI), xurdido ao abeiro do
curso 2005/2006, segue adiante brindando novas vidas para os equipos
informáticos obsoletos do ámbito académico (aulas e oficinas
universitarias, principalmente). Esta semana, e co inicio do novo
curso, o
grupo informou que seguen abertas as portas para que as nosas
entidades sen arela de lucro poidan facerse con estes aparellos
reacondicionados e postos a punto con software libre. Ao fío
disto, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións
Internacionais abriu o prazo xa para que todas as asociacións
interesadas poidan novamente presentar as súas solicitudes.
Co prazo aberto ata o vindeiro día 20, esta convocatoria vai
dirixida a calquera entidade sen ánimo de lucro con sé nas
provincias de Pontevedra ou Ourense. Unha vez pechado, procederase á
selección dos destinatarios definitivos. Todos os equipos, unha vez
asignados, levarán instalados programas de software libre o máis
axeitados posible para cubrir as necesidades específicas dos
adxudicatarios. Ademais, haberá a disposición dos receptores un
servizo de asesoramento no referente ao seu funcionamento “por se
tivesen algunha dúbida ou non estivesen familiarizados con este
sistema”, informa a Universidade de Vigo. A maiores, o día da
entrega, un integrante de GALPon impartirá unha pequena formación
sobre o software libre incluído en cada caso.
A Universidade lembra
que durante a pasada edición, o equipamento dispoñible repartiuse
entre 24 das 60 asociacións sen ánimo de lucro de toda clase, fin e
actividade das que fixeran a solicitude. Nos adxudicatarios atópanse
desde asociacións culturais como Trépia, Fiadeiro ou Traspés,
asociacións de acción social como Ponte Solidario, Acción
Solidaria de Galicia ou A las 5 Acción Social de Emerxencia ata as
asociacións de mulleres Algueirada e a Federación de Asociación de
Mulleres Anaral e a ecolóxica Amigos da Terra.
