O Foro da Muller-Empresarias Galicia porá o foco este xoves na intelixencia artificial

mércores, 14 de xuño do 2023 S. P.

A quinta edición do Foro da Muller-Empresarias Galicia terá lugar este xoves 15 de xuño, de 9 a 17 horas, no Pazo de Colón (Poio). Os eixos centrais deste encontro serán: saúde e benestar, tradición, innovación e Intelixencia Artificial, sempre baixo o lema das empresarias de Galicia: Acción e Implicación.
Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que se desenvolve como unha expresión positiva e respectuosa da situación en materia de desigualdade que ven de converterse nun referente para a muller empresaria, autónoma e directiva. O seu obxectivo é visibilizar e promocionar a figura da muller no eido empresarial, profesional e social.
Indo ao encontro en cuestión, dicir que xirará arredor de catro mesas de debate:
- Saúde e benestar, na que participarán: Adriana Rodríguez (médica), Ana Díaz Cortes (socióloga) e Eliana Oliveros (coach motivacional), sendo a moderadora Andrea Alonso (coach de benestar emocional e transformación cultural).
- Turismo rural, na que participarán: Dori Rodríguez (Adegas Celme), Rosa Dorado (Genuine Galicia) e Paula Fernández (Hotel Albarari), sendo a moderadora Elena Gondar (Casa do Sear).
- Artesanía: tradición e innovación, na que estarán presentes: Idoia Costa (Idoia Costa, Cestaría contemporánea), Patricia González Iglesias (Obradoiro de Costura Saiáns) e Yohanna Carro (Sargadelos), sendo a moderadora Ana Belén Ledo (Bijou Vitoria 56).
- Intelixencia Artificial, na que estarán presentes: Antía Fernández López (Gradiant), Bertha Guijarro (Universidade da Coruña- IABiomed) e Sonia Valladares (Universidade de Santiago de Compostela), sendo a moderadora Yanina Hallak (UARX Space).

PUBLICIDADE