O Día da Ciencia na Rúa volve cun cento de actividades no Parque de Santa Margarita (A Coruña)
martes, 23 de abril do 2024
Novamente o Concello da Coruña vai celebrar no Parque de Santa Margarita o Día da Ciencia na Rúa. Será o vindeiro sábado 4 de maio e o programa inclúe unha axenda diversa con preto dun cento de actividades de bioloxía, tecnoloxía, matemáticas e física dirixidas a todos os públicos.
Participarán un milleiro de escolares de 54 centros educativos, procedentes da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Arzúa, Ribadeo, Miño, Ortigueira, As Pontes, Baio, Ribeira e Poio. Xunto a eles, persoal da investigación e divulgación presentarán un diverso programa de actividades para toda a cidadanía nas haimas da Cátedra EMALCSA-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), a Fundación IMQ San Rafael, o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Entre as propostas que se poderán ver ao detalle figuran proxectos tan sorprendentes como hoteis de insectos, experiencias sobre hidróxeno verde, lentes de Realidade Virtual para ver o interior do corpo humano, un túnel de vento, a construción dun periscopio, un taller de panadería, un código Morse con Arduino, un proxecto de simulación da ecolocalización dos morcegos, filtros naturais para a auga ou un piano electrónico onde as teclas son froitas.
Tamén haberá numerosas actividades paralelas en torno ao edificio da Casa das Ciencias ofrecidas pola Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias), UDCiencia I+D. Ademais, a Banda Municipal da Coruña ofrecerá un concerto especial ás 12.00 horas e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade a partir das 17.30 horas.
O Día da Ciencia na Rúa está organizado polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, xunto coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra EMALCSA-UDC e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Xornada de portas abertas nos Museos Científicos e Castelo de San Antón
Ademais das actividades previstas, o Concello da Coruña ofrecerá a posibilidade de visitar de balde os tres museos científicos coruñeses cunha xornada de portas abertas na Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario de 10.00 a 19.00 horas. O último acceso é ás 18 horas no Aquarium e ás 18.30 horas para a Casa das Ciencias e a Domus. Tamén se suma á xornada o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, cunha visita guiada ao Museo.