O Concello de Santiago lanza a versión web do xogo de taboleiro Atopando Compostela

martes, 5 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Hai moitos camiños para chegar a Santiago e vivila, e moitos deles son camiños online. De reencontrármonos coa cidade a súa contorna polo vieiro dixital é do que trata precisamente a nova iniciativa TIC do Concello, a versión web do xogo do taboleiro Atopando Compostela. Esta faciana en liña da aventura foi dada a coñecer hoxe polo concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, quen estivo acompañado por Carmela Sánchez, representante da empresa que re-desenvolveu o taboleiro e a nova páxina web, Etnoga Patrimonio Cultural. Segundo fixeron saber, a actualización do xogo “permitirá seguir fomentando o coñecemento do municipio, e máis en concreto da súa toponimia, dun xeito lúdico e educativo”.
Para xogar só é preciso acceder ao enderezo atopando.santiagodecompostela.gal e inscribirnos a través do correo electrónico. Podemos xogar de maneira individual ou en equipos, sen límite de tempo. As preguntas artéllanse en seis categorías: medio, animais, plantas, xentes, preguntas visuais, e temática variada. Por cada resposta correcta, o xogador ou xogadora recibe unha das 36 pezas do quebracabezas do municipio.
Rafael Peña lembrou que o xogo de taboleiro Atopando Compostela foi creado no ano 2011, “pensado sobre todo para o alumnado de secundaria, e co obxectivo de dar a coñecer a toponimia de Santiago”. O concelleiro de Medio Rural incidiu en que “os nomes dos lugares son unha parte importante da nosa herdanza cultural, e por iso é unha obriga conservalos, divulgalos e mesmo investigalos”, polo que era preciso adaptar a iniciativa aos novos tempos e aos novos xeitos de comunicarnos e accedermos ao lecer, de aí que se puxera en marcha esta versión web (mesmo tentando abrir a actividade a novos públicos).
Pola súa banda, Carmela Sánchez, de Etnoga, debullou a dinámica do xogo e explicou que o taboleiro “segue sendo moi utilizado sete anos despois da súa creación, mesmo en centros de ensino que non están en Compostela”. Agora, salientou, “a versión web permitirá que máis persoas accedan ao xogo, e polo tanto coñezan mellor Santiago e a súa toponimia”.
A nova web será presentada publicamente na Casa das Asociacións de Cornes (Conxo), o 15 de xuño ás 19:00 horas. No acto desenvolverase unha partida por equipos, na que calquera persoa pode participar inscribíndose previamente a través do correo electrónico do Departamento Municipal de Lingua: dlg@santiagodecompostela.gal. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo e o equipo gañador recibirá como premio unha visita guiada ao Pazo de Raxoi. A partida estará precedida por unha charla do arqueólogo Xosé Lois Vilar, arqueólogo e membro da Sociedade Galega de Estudos Miñoranos.