O Concello da Pobra merca 20 tabletas para seguir loitando contra a fenda dixital no municipio

luns, 17 de agosto do 2020 S. P.

O Concello da Pobra do Caramiñal deu un novo paso na súa loita contra a fenda dixital, que é a que separa as familias das posibilidades de teleformación, comunicación e teletraballo que poñen en xogo as novas tecnoloxías, ferramentas máis que necesarias para salvar algúns dos principais atrancos que pon a COVID no camiño. Logo do subministro de computadores e conectividade do que falamos en abril dende Código Cero, o Concello, a través da Concellería de Igualdade, mercou este mes de agosto un total de 20 tabletas coas súas correspondentes fundas. Dita medida supuxo un investimento de 3.600 euros con cargo aos orzamentos municipais de 2020.
Segundo informou a Concellería, a día de hoxe estes dispositivos atópanse en uso por parte das crianzas que participan no campamento de conciliación que se celebra no CEP Salustiano Rey Eiras, empregándoos como ferramenta para “socializar a través de xogos de mesa virtuais e actividades de lóxica, seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19 e sen renunciar á diversión sen esquecer o aspecto educativo”, explicou o Concello, engadindo que unha vez que remate o campamento e se inicie o curso escolar, as tabletas empregaranse naquelas actividades organizadas polas diversas áreas do Concello que así o requiran. “O obxectivo é achegar as novas tecnoloxías e a formación online ao conxunto da veciñanza independentemente do rango de idade”, engadiu o Goberno local.

PUBLICIDADE